

Lara Méndez reclámalle á Xunta máis axudas para proxectos non agrícolas no rural de Galicia, logo de que as partidas do ano pasado deixaran fóra ao 70 por cento dos que as solicitaron
A portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamoulle hoxe á Xunta un incremento considerable nas axudas para proxectos non agrícolas non rural de Galicia. Méndez presentou unha proposición non de Lei neste sentido na Comisión de Agricultura que foi rexeitada polo PP, ao que acusou de actuar como “o maior depredador do rural de Galicia”.
Méndez fixo esta acusación logo de que a portavoz do Grupo Popular empregara a súa intervención para falar do lobo, ao que lle respondeu que “o maior lobo que ten o rural de Galicia non é ese animal”, senón o PP. Así o dixo logo de lembrar o abandono do territorio pro parte do goberno galego, que renuncia a aplicar unha política decidida con servizos públicos e axudas aos proxectos económicos que permitan fixar poboación e loitar contra o despoboamento.
A responsable socialista reclamou hoxe o incremento das axudas para proxectos non agrícolas, cun compromiso plurianual e cun Plan de diversificación económica. O obxectivo, dixo, é incrementar o emprego e abrir oportunidades profesionais a perfís máis diversos, contribuíndo a un rural “máis resistente e resiliente fronte ás crises, máis atractivo para vivir e con maior capacidade desenvolvemento”.
Lembrou que o goberno galego destinou un total de 2,1 millóns de euros para estas axudas, pero só puido dar resposta a 56 proxectos dos 190 que se presentaron, deixando a máis do 70 por cento sen apoio. Lembrou que o orzamento inicial do ano pasado, de 1,7 millóns, quedou moi lonxe dos 3,5 do ano 2016, e aínda máis afastado dos máis de 15 millóns de euros de investimento que suporía responder ao total dos 190 proxectos presentados.
Explicou que “se hai menos cartos chegan a menos proxectos e se crean menos empresas” cando a realidade é que “hai intereses, hai iniciativas, hai proxectos e hai vontades”, o que non hai é interese do goberno galego, que co pequeno incremento nas partidas non vai dar resposta ás iniciativas de investimento. Esixiu así unha “aposta firme, sostida no tempo e ambiciosa con máis recursos e planificación que recoñeza que o investimento non agrícola é unha peza clave”.