
Patricia Iglesias citou exemplos como a falta de acceso aos traballos adxudicados á empresa de Cristóbal Montoro e as facturas que a Axencia de Turismo pagou a unha panadería para festas en barrios e asociacións de Lugo: “Ata aí chega a chequeira de Candia, coa utilización de cartos públicos para acadar poder a calquera prezo”
A deputada socialista Patricia Iglesias denunciou hoxe en comisión parlamentaria a falta de transparencia dos contratos menores da Xunta, que concentran un gasto millonario e sobre os que hai unha total falta de transparencia. Segundo advertiu, trátase dun ámbito “especialmente sensible a prácticas irregulares”, pero representa arredor do 40 % do volume total de contratación da Xunta, “con cifras que superan os 800 millóns de euros anuais”. Así, o uso deste tipo de contratos é “masivo” na Administración autonómica.
Dese xeito, unha parte moi significativa do gasto público galego decídese “sen concorrencia competitiva, sen publicidade efectiva e cun elevado grao de discrecionalidade”, afirmou. E sinalou que, aínda que non se trata dunha práctica “ilegal por si mesma, constitúe un espazo de alto risco” no que se poden obviar os principios de igualdade, mérito e eficiencia.
Iglesias censurou que, ademais, o Goberno autonómico limite o dereito de acceso á información pública e que o faga “sen base legal suficiente”, un problema que cualificou de moi grave. Como exemplo puxo un caso “especialmente significativo”, os contratos menores adxudicados entre os anos 2009 e 2011 a Equipo Económico, a consultora vinculada ao exministro Cristóbal Montoro, por un importe superior aos 172.000 euros. Trátase de “informes sen asinar, borradores sen carácter técnico suficiente, documentos sen adaptación á normativa galega e contidos xenéricos que poderían ter sido reutilizados para outras administracións”, asegurou sobre uns traballos aos que os socialistas solicitaron acceso tanto por vía parlamentaria como a través do portal de transparencia.
A resposta da Xunta “foi a denegación”, para a que non hai base, xa que non existe afectación ao segredo comercial ou industrial, non hai datos persoais que xustifiquen limitacións nin concorre ningún dos límites previstos na lexislación, tal como recordou Patricia Iglesias, que só ve nesa decisión un ánimo de “obstaculizar o control democrático”.
Un sistema “feito a conciencia para evitar a transparencia”
Ese control democrático tamén está condicionado por un sistema de información “claramente deficiente e feito a conciencia para evitar a transparencia”, afirmou. Entre os argumentos que ofreceu, salientou que os contratos menores non están publicados na Plataforma de Contratación do Sector Público, “senón no portal de transparencia, no que hai que ir pinchando un a un en cada órgano de contratación para poder ver os documentos”. Ademais, publícanse en formatos pechados e non reutilizables, con datos “non homoxéneos e que non coinciden” e cunha información fragmentada en múltiples organismos. “Acceder a ela require percorrer máis de 70 entidades do sector público autonómico”, criticou.
Con todo, os datos dispoñibles permiten identificar patróns como a reiteración de adxudicacións a determinadas empresas, o incremento significativo dos importes contratados con certos provedores ou a existencia de vínculos persoais e familiares. “Eses datos por si sós non constitúen unha ilegalidade automática, pero si configuran un escenario no que os riscos de trato de favor son evidentes”, censurou.
Lembrou tamén que o Consello de Contas leva anos sinalando prácticas como ese abuso dos contratos menores, a falta de planificación contractual, a insuficiente transparencia e as deficiencias no control das entidades instrumentais. Porén, as recomendacións do organismo “non foron implantadas de xeito efectivo polo Goberno galego”. E iso revela “un problema estrutural, unha forma de funcionamento consolidada”.
Son medidas de calidade e integridade, “da que carece o Goberno do PP”, dixo, e apuntou, como exemplo, que a Axencia de Turismo de Galicia “está a pagar festas en distintos barrios e asociacións de Lugo tras das que, buscando polo CIF de facturación dos contratos a dedo, aparece unha panadería”. “Ata aí chega a chequeira de Candia, coa utilización de cartos públicos de todas e todos os galegos para acadar o poder a calquera prezo, traspasando todas as liñas vermellas da ética e da decencia”, censurou. “O PP pensa que a Xunta de Galicia lle pertence”, engadiu.
Patricia Iglesias advertiu que está en xogo a confianza da cidadanía nas institucións, “e esa confianza só se constrúe cun principio básico: transparencia real e control efectivo”, algo que “non se está a cumprir como debera, e temos moitos exemplos. O último, a moción de censura en Lugo, promovida sen decencia e integridade”, concluíu.