

A deputada socialista abriu a súa intervención na comparecencia do director da XERA denunciando que a día de hoxe Galicia segue sen plan de prevención de incendios, cinco meses despois de vencer o prazo legal. “Terá consecuencias”, advertiu
A deputada do Grupo Socialista Carmen R. Dacosta iniciou hoxe a súa intervención na comparecencia do director da Axencia Galega da Industria Forestal XERA), cunha denuncia: “A día de hoxe, 7 de abril, o Pladiga -o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia- segue sen estar aprobado, pese a que o prazo legal para a súa aprobación venceu o 31 de outubro. E iso é algo que lamentaremos”.
Dacosta fixo especial fincapé en que esta falta de planificación non é un asunto burocrático, senón que ten consecuencias directas e reais. “Onte mesmo arderon 600 hectáreas no Monte Galleiro. Cada incendio forestal é o síntoma dun modelo que non foi capaz de facer do monte unha actividade rendible, ordenada e con futuro”, sinalou a parlamentaria socialista.
A deputada vinculou a ausencia do Pladiga cun problema máis profundo de modelo: a falta dunha política forestal integral por parte do Goberno de Alfonso Rueda. “Cando o monte non xera valor, cando non hai xestión activa, cando non hai planificación nin actividade económica sostida, o territorio queda abandonado e convértese en combustible”, advertiu.
Dacosta tamén cargou contra a xestión errática da propia XERA, lembrando que a Xunta primeiro decretou a supresión da axencia e logo, ante a presión do sector, acabou rectificando a medias, desvinculándoa do Medio Rural e da planificación forestal para recolocala na órbita de Industria: “Non resolveron o problema, simplemente trasladárono. Hoxe temos unha política pública partida en dous, coa parte do monte por un lado e a parte industrial por outro”, criticou.
A parlamentaria socialista denunciou igualmente que o Plan Director do sector forestal-madeira, anunciado desde 2018 como a folla de ruta para fortalecer a industria e xerar emprego de calidade, segue sen aprobarse en 2026. “Moito anuncio, moita foto, pero a día de hoxe seguimos sen plan aprobado, sen calendario concreto e sen medidas executadas”, lamentou.
Dacosta cuestionou tamén a execución orzamentaria da XERA, que caeu ao 74,56% en 2025, e sinalou que o sector afronta retos estruturais como a crise das coníferas e o impacto da banda marrón, a necesidade de mobilizar as frondosas caducifolias —que non chegan ao 3% das cortas pese ao seu peso no territorio— e a falta de man de obra cualificada.
Por último, a deputada socialista cargou contra a flexibilización da moratoria do eucalipto introducida pola porta de atrás a través da Lei de Acompañamento. “Na práctica permite retirar eucalipto nun lugar para plantalo noutro. A moratoria deixa de ser moratoria e convértese nun mecanismo de liberalización encuberta”, denunciou, vinculándoa directamente co proxecto de Altri como único plan industrial do PP.
“O que lle pasa a Galicia no ámbito forestal é que ten un problema de modelo e de decisión política. Non hai planificación, non hai diversificación e non hai rumbo”. Para Dacosta, o que está facendo a Xunta non é construír o futuro do sector, é perpetuar os seus problemas”.