

Aitor Bouza aféalle a Medio Ambiente que anuncie “apresa e correndo” o desbloqueo do convenio de actuacións fronte ás inundacións porque “van perder os fondos europeos”
O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle hoxe ao goberno galego que execute de maneira inmediata as actuacións necesarias nos regos de Cambelas e Os Pasales -Padrón- para evitar os asolagamentos polas enchentes do río.
O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Medio Ambiente para fixar un calendario de actuacións no tramo do Sar que percorre Padrón en coordinación co Concello que o PP rexeitou.
O responsable socialista reclamoulle á Conselleira de Medio Ambiente que incorpore á actuación no marco do convenio que anunciou onte en Tarrío as intervencións nos regos Cambelas e Os Pasales, que transcorren por Pazos e Estramundi e que son os que afectan directamente ás vivendas.
Bouza afeoulle que anunciaran precisamente onte, “apresa e correndo” o desbloqueo do convenio que tiñan paralizado dende o ano 2021, cando gobernaba o PP, fronte ao risco de perder os fondos europeos.
Bouza defendeu estas actuacións, ademais da limpeza profunda no tramo do Sar entre Estramundi e Pazos, que é “o que reclama a veciñanza de Padrón co seu alcalde, o socialista Anxo Rei, á cabeza”. Criticou o “tacticismo político” do goberno galego, que mantivo paralizadas estas actuacións nos últimos cinco anos, para descolgarse agora con “anuncios de pandeireta”, en alusión a un convenio que “excluía as zonas que realmente si que eran importantes”.