

Lara Méndez criticou que a reforma das instalacións inclúa a eliminación de 30 prazas e a conversión de dormitorios individuais en dobres
Advertiu que se a conselleira non quere recibir a residentes e familias, que levan catro meses protestando, cando menos achegue solucións ás súas demandas
O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia alertou no pleno de hoxe da “fonda preocupación” que a reforma da residencia de maiores das Gándaras, en Lugo, está a causar entre as persoas residentes e as súas familias, que levan protestando por esta situación desde o pasado 29 de novembro, hai xa catro meses.
Lara Méndez sinalou que, segundo trasladan os afectados, a comparación entre a actual planta e os planos das obras apuntan a “unha transformación relevante do modelo residencial” que inclúe, entre outros problemas, a conversión de dormitorios que na actualidade son individuais en cuartos dobres, o que se traduce na eliminación de espazos de privacidade. Advertiu, ademais, da eliminación dunhas trinta prazas no conxunto dos cinco andares do edificio, o que se traducirá nun amoreamento de persoas. “Non falamos dunha residencia, falamos do seu fogar, non dun apeadoiro”, subliñou para reclamar “un trato digno” aos usuarios e usuarias.
A deputada do PSdeG insistiu en que a nova distribución non garante condicións axeitadas de intimidade “nin o respecto ao dereito dos e das residentes a dispoñer dun espazo propio” nunhas instalacións que, lembrou, son “o seu fogar permanente” e non un recurso asistencial de carácter temporal. “Trátase de dignidade, autonomía e dereito á participación nas decisións que afectan á propia vida”, dixo.
Méndez defendeu que calquera intervención de carácter estrutural nun centro desas características “debe contar cun proceso real de información, diálogo e escoita activa” que, tal como afirman os propios residentes, “non existiu”. Ante iso, criticou que o proxecto non ten en conta o seu impacto emocional e social e “incrementa a sensación de indefensión e agravio” por parte dos afectados. Recordou que a conselleira segue sen recibilos e reclamou que, se non o fai, cando menos achegue solucións ás súas demandas.
Fronte ao xeito de proceder da Xunta, a parlamentaria socialista defendeu que os novos modelos de atención centrada nas persoas e de unidades de convivencia promovidos polas administracións públicas deben ter como base “a personalización do coidado, a preservación da intimidade e o respecto ás preferencias individuais”. Nese senso, cargou contra “unha regresión cara a modelos asistenciais hospitalarios que non responden ás demandas actuais de humanización e calidade de vida nas residencias públicas”.