
Aitor Bouza reclama un Plan Integral para reparar os centros educativos e aféalle ao conselleiro o “desleixo absoluto” nos últimos 17 anos
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, denunciou hoxe o “desleixo absoluto” do conselleiro na reparación das infraestruturas educativos durante os últimos 17 anos. Bouza presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento para reclamar un Plan Integral para que o goberno galego asuma as obras necesarias para a rehabilitación dos inmobles ao longo de todo o territorio.
O responsable socialista emprazou ao conselleiro a traballar xunto coa comunidade educativa para escoitar as súas necesidades e actuar para garantir unha “educación de calidade” e que “ningún estudante teña que estar cun chuvasqueiro na clase ou cun casco por se lles cae un teito enriba”.
Bouza amosou unha serie de imaxes das condicións dos centros educativos de Galicia nos que “entra auga ata convertelos en piscinas”, quedan ximnasios sen rehabilitar, pistas sen cubrir ou rehabilitacións necesarias para que os alumnos teñan auga potable nas billas. Presentou un “carrusel” de casos que amosan o “desleixo de funcións da Xunta na avaliación e planificación” para resolver problemas estruturais nos inmobles que mesmo teñen problemas de accesibilidade.
Advertiu que se trata dun “problema de modelo” político dun goberno que prefire “condonarlle os impostos aos máis ricos, pero quen paga son os centros educativos cunhas instalacións en absoluto decaemento”.
O responsable socialista afeoulle ao conselleiro que respondera hoxe sinalando aos concellos e ao goberno central sen asumir as súas competencias na rehabilitación das infraestruturas educativas. Criticou que teñan que ser os gobernos locais os que recorran a uns recursos escasos para asumir as actuacións que a Xunta desatende, como o Concello de Vigo, que tivo que reparar as grietas, repoñer as tellas ou reparar os canalóns no CEIP Celso Emilio Ferreiro.
Denunciou que o goberno galego “deriva competencias sen dar recursos económicos” aos concellos galegos, cando ao mesmo tempo están a reducir os Orzamentos para infraestruturas en Infantil, Primaria e ESO de 29 a 28 millóns de euros entre 2025 e 2026, e de Secundaria e FP de 34 a 24 millóns de euros. Ademais, sinalou o pouco interese do goberno galego nestas actuacións pola súa baixa execución, do 39 por cento en Infantil, Primaria e ESO e do 41 por cento en Secundaria.