
O ciclo cultural que promove o PSdeG ten como obxectivo darlles visibilidade aos creadores e creadoras que desenvolven a súa actividade lonxe dos grandes circuítos
Silvia Longueira reclamou tras o evento “unha solución eficaz de futuro” para a artesanía e sinalou que Galicia necesita abordar “con urxencia” a desaparición de moitos oficios
O centro sociocultural de Caión, na Laracha, foi esta mañá o punto de inicio de DESDE-A-MARXE, un proxecto do PSdeG que ten como obxectivo darlles visibilidade aos creadores e creadoras galegos que desenvolven a súa actividade lonxe dos grandes circuítos culturais.
O encontro contou coa participación da secretaria socialista de Cultura e Lingua, a deputada Silvia Longueira, e a portavoz do PSdeG no Concello, Inés Ramos. Nel interviñeron o artesán da madeira Fabián Lage, a estudosa do traxe galego Ana Nogareda e o xogador de billarda Xosé Collazo.
O primeiro fixo un percorrido pola súa traxectoria como carpinteiro e ebanista ata converterse nun creador que inclúe nos seus traballos a cestería e incluso materiais plásticos, cunha actividade que fai de ponte “entre a tradición e a arte”, tal como apuntou Longueira. Nogareda afondou nas orixes do traxe tradicional antes da súa “folclorización” e Collazo explicou o devir da billarda desde o xogo tradicional ata o seu recoñecemento como deporte.
Silvia Longueira destacou as numerosas preguntas e a curiosidade que a actividade suscitou entre os asistentes e subliñou, á súa conclusión, que Galicia “necesita abordar con urxencia a desaparición de oficios que, por outra banda, si suscitan gran interese entre a poboación”. Nese senso, asegurou que é necesario “que se lle dea á artesanía unha solución eficaz de futuro”.
Inés Ramos valorou, pola súa banda, a importancia de encontros deste tipo “para darlle visibilidade á cultura en vilas pequenas” e defendeu que hai “xente moi grande” que ten dificultades para chegar a un público amplo, “pero que está a facer grandes cousas”.
O vindeiro sábado, en Entrimo
DESDE-A-MARXE desenvólvese cun formato de presentacións breves, inspirado no pechakucha xaponés, ás que segue un debate entre os participantes. A seguinte parada do ciclo será o vindeiro sábado, 28 de marzo, en Entrimo. Entre outros temas, abordaranse cuestións lingüísticas, como a variante do galego que se fala na Baixa Limia, ou pictóricas, neste caso no referido ao expresionismo abstracto.
Tal como explicaron a semana pasada na presentación da iniciativa o secretario xeral socialista, José Ramón Gómez Besteiro, e a propia Silvia Longueira, o percorrido polas diferentes comarcas galegas servirá para tecer unha rede entre proxectos que nacen desde o territorio de xeito independente e que non sempre contan coa difusión que merecen. Nese senso, DESDE-A-MARXE aspira a converterse en altofalante para os creadores e creadoras e a abrir espazos de encontro arredor da cultura.