
Paloma Castro salienta a fortaleza do feminismo demostrado nas manifestacións do 8M e propón un acordo parlamentario para implantar a educación afectivo – sexual, garantir a formación dos profesionais e impulsar a sensibilización da sociedade
A portavoz de Igualdade e Política Exterior do Grupo Socialista, Paloma Castro, emprazou hoxe a PP e BNG a apoiar a proposta de Declaración Institucional en contra da guerra que presentou o Grupo Socialista para que sexa aprobada no Pleno que comeza mañá. Aludiu así ás proclamas do “Non á Guerra” que se escoitaron tamén nas manifestacións polo 8M de onte domingo, nas que o feminismo amosou a fortaleza da súa presenza na sociedade galega.
Castro sinalou que “Galicia e a sociedade galega queren estar ao lado da paz, do diálogo, do dereito internacional e dos principios que recolle a Carta das Nacións Unidas”, polo que emprazou ao resto de forzas políticas a trasladar o consenso social ao ámbito parlamentario apoiando esta proposta. Advertiu que a paz “non é unha idea abstracta, senón unha responsabilidade política e moral que interpela a toda a sociedade”.
Apuntou que a proposta de Declaración Institucional presentada polo Grupo Socialista traslada con claridade o sentir dos galegos e das galegas, cidadáns dunha “terra que apostou pola convivencia e polo entendemento entre pobos”. Apuntou que os socialistas galegos “dicimos non a un conflito fóra das normas do dereito internacional, non á vulneración da autonomía dos países e si a un mundo con regras e a un mundo en paz”.
Sinalou que a sociedade “rexeita maioritariamente a guerra”, máxime cando a historia recente demostra que “as guerras iniciadas fóra do marco do dereito internacional e sen respaldo da comunidade internacional non resolven conflitos”. Máis alá, engadiu, o que provocan é “máis violencia, máis inseguridade e crisis humanitarias de gran magnitude”, o que demostra que “a guerra nunca é a resposta”.
Mobilizacións do 8M
Paloma Castro tamén fixo balance dun 8M con “mobilizacións masivas nas rúas” que demostraron que o feminismo “segue tendo unha presenza moi forte na sociedade galega”. Destacou que a de onte foi unha xornada “de reivindicación, pero tamén unha mostra clara de que a igualdade segue sendo unha preocupación compartida por toda a sociedade”.
A deputada do PSdeG defendeu a necesidade de seguir loitando “contra a explotación sexual das mulleres”, contra a fenda salarial que demostra o feito de que as traballadoras cobran 4.700 euros menos que os traballadores e contra a desigualdade nas pensións, que situou no entorno do 35 % inferiores no caso das mulleres.
Chamou a atención especialmente sobre a violencia que sofren as mulleres “unicamente polo feito de selo” e sobre movementos que cuestionan o feminismo, “moi presentes nas redes sociais, a través das que circulan mensaxes que intentan ridiculizar e desacreditar a loita pola igualdade”. Segundo afirmou, trátase dunha “ofensiva” da ultradereita que está “totalmente estudada” e que busca o retroceso dos dereitos que custou décadas acadar.
En relación con isto, o PSdeG vai levar ao pleno do Parlamento unha proposición non de lei orientada ao desenvolvemento dunha estratexia integral contra a desinformación, “baseada en tres piares”: educación afectivo-sexual, formación dos profesionais e sensibilización da sociedade.
A iniciativa que o Grupo Socialista defenderá na sesión de mañá inclúe unha serie de accións contra a desinformación e os discursos de odio. A través dela reclámaselle á Xunta que asuma “un papel activo” e poña en marcha unha estratexia educativa dirixida especialmente á infancia e á mocidade. Tamén que cree materiais formativos e recursos didácticos para o profesorado e as familias “que faciliten a identificación de noticias falsas e a promoción da igualdade de xénero”.
Por último, esíxelle ao Goberno galego que impulse campañas de sensibilización, “especialmente nas redes sociais”, que visibilicen o impacto da desinformación sobre as mulleres e o feminismo e que promovan valores democráticos e de igualdade.