

Elena Espinosa puntualiza que a norma “non ataca á orixe do problema” e anuncia que “seguiremos demandando máis reforma ata lograr unha protección plena e efectiva do persoal sanitario”
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, dixo hoxe que a reforma da Lei de Saúde suporá “un paso mínimo” fronte ás agresións ao persoal sanitario, pero advertiu que “non ataca á orixe do problema”. Así o dixo no debate en Comisión desta norma, que foi aprobada incorporando 8 das 11 emendas presentadas polo Grupo Socialista, e fica pendente da súa aprobación definitiva no Pleno do Parlamento.
O Grupo Socialista apoiou a reforma por canto supón un pequeno avance na defensa do persoal sanitario ao incorporar 3 emendas do PSdeG aprobadas de forma literal e outras 5 transaccionadas. Sen embargo, Espinosa explicou que deixa fóra as emendas do Grupo Socialista que ía “ao centro do problema” apuntando aos “factores estruturais” como son a saturación asistencial, os tempos de agarda, a insuficiencia de recursos, a precariedade ou as desigualdades sociais.
Tampouco aceptaron reforzar a representatividade para incorporar ás representacións profesionais co obxectivo de “abrir e fortalecer canles de comunicación e colaboración cos sindicatos, cos colexios profesionais e coas asociacións de pacientes. Espinosa reivindicou “diálogo, coordinación e implicación de tódolos axentes”. Subliñou que os socialistas “seguiremos demandando máis reformas ata lograr a protección plena e efectiva de todo o persoal da nosa sanidade pública”.
A responsable socialista puxo en cuestión a lentitude na reacción por parte do goberno galego cando as agresións contra o persoal da sanidade pública aumentaron un 26,35 por cento máis nun só ano. Esixiu medidas eficaces para protexer ao persoal que ten que dar a cara cando en realidade son “vítimas da nefasta e interesada xestión do PP na sanidade”.
Emendas aprobadas
Espinosa salientou as propostas do Grupo Socialista que foron incorporadas ao texto da norma, coas que recoñece expresamente á violencia psíquica como unha forma de violencia no ámbito sanitario, ademais de que recolle o acoso psicolóxico. Tamén reforzarán a defensa fronte ás agresións leves reiteradas, que pasarán a ser consideradas como graves, cunha medida que incorpora “coherencia e xustiza no réxime sancionador”.
A Lei inclúe a emenda socialista que reforza a protección abrindo a porta a asignar de xeito provisional a outro profesional á persoa presuntamente infractora. Ademais, foi aprobada a proposta para que as campañas de sensibilización sexan permanentes agás que as circunstancias recomenden menor frecuencia, inclúe a obriga de remitir un informe anual con tódalas agresións no ámbito sanitario e permite incorporar políticas integrais de seguridade e saúde.