
Paloma Castro reclámalle á Xunta que “deixe de empregar unha cuestión fundamental para a contorna de Pontevedra como munición política contra o goberno de España”
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe á Xunta de “mentir” para utilizar a dragaxe do Lérez como unha “ferramenta de confrontación política para difamar e atacar ao goberno do Estado”. Na comparecencia do presidente de Portos no Parlamento, lembrou que é Portos quen ten que aprobar a avaliación ambiental antes da obra solicitando os informes aos organismos afectados, o que vai provocar que “non vaian mover un metro cúbico de arena antes de 2027”.
Criticou que, tal e como fixeron co proxecto de Altri, “primeiro fan os informes favorables e logo buscan quen os firme”, chegando a suprimir unha zona de protección para allanar a construción da macrocelulosa, como vén de sentenciar o TSXG, que obrigou á Xunta a manter a protección verde. No caso da dragaxe do Lérez, sinalou, foron eles os que retrasaron cinco anos o envío das propostas dos puntos alternativo de dragaxe ao Cedex -Ministerio de Transición Ecolóxica-.
A responsable socialista criticou que “mentiron porque non tiñan nada” presentado, provocando o retroceso de todo o proceso, do que agora están responsabilizando ao goberno central. Esixiulle ao goberno galego que “deixe de empregar unha cuestión fundamental para a contorna de Pontevedra como munición política contra o goberno de España”.
Castro reclamou renaturalizar a zona do río próxima ao centro urbano, mellorando a súa biodiversidade e posibilitando a práctica deportiva. Urxiu a eliminar os sedimentos polo risco de perda de biodiversidade e contaminación de fondos polo impacto nas zonas de marisqueo a pé e pola actividade económica vencellada ao turismo e ao clube naval, así como á actividade deportiva nunha cidade referente do piragüismo que non pode utilizar o río con marea baixa.