

A portavoz do Grupo Parlamentario Socialista Elena Espinosa avanzou os unha batería de iniciativas sobre vivenda, urxencias sanitarias, 8M, sector produtivo e planificación eólica
En relación coa comisión de investigación sobre Altri que se debatirá no próximo pleno, Espinosa sinalou que “a sensación clara é que enganaron a todo o mundo. Presentouse como un proxecto estratéxico, solvente e beneficioso para Galicia, sustentado supostamente en garantías económicas, sociais e ambientais que logo non se corresponderon coa realidade”
A portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, compareceu hoxe tras a Xunta de Portavoces na que se aprobou a orde do día do vindeiro Pleno do Parlamento, no que o PSdeG volverá situar no centro do debate as principais preocupacións da cidadanía galega como a vivenda e a sanidade.
Espinosa anunciou que a pregunta ao presidente da Xunta estará centrada na situación da vivenda en Galicia e nas medidas que debe adoptar o Goberno galego para garantir o acceso a unha vivenda digna. A portavoz socialista lembrou que os prezos seguen medrando, que o parque público é claramente insuficiente e que cada vez máis persoas teñen dificultades para acceder a unha vivenda, especialmente a mocidade e as familias con rendas medias e baixas.
Segundo os datos oficiais da propia Xunta, máis de 30.100 persoas figuran a día de hoxe inscritas como demandantes de vivenda pública, unha cifra que evidencia a dimensión do problema. “Non abonda con anuncios. Galicia necesita planificación, compromisos concretos e resultados medibles”, advertiu.
En materia sanitaria, o PSdeG defenderá unha Interpelación ao conselleiro de Sanidade para que dea conta da situación dos servizos de Urxencias. Espinosa sinalou que as saturacións e demoras que se repiten amosan unha falla de previsión e reforzo estrutural que acaba recaendo no esforzo dos profesionais.
Ademais, presentaranse dúas preguntas orais. A primeira, sobre a demanda de máis persoal e máis recursos materiais por parte dos traballadores e traballadoras non facultativos do Servizo de Urxencias do Hospital Lucus Augusti. A segunda, sobre a necesidade de mellorar as instalacións do Centro de Saúde de Carral, onde a falta de mantemento está a provocar unha situación insostible.
Coincidindo coa semana do 8M, o Grupo Socialista levará ao Pleno unha Proposición non de Lei para impulsar un acordo unánime da Cámara que permita desenvolver unha estratexia educativa fronte á desinformación e aos discursos de odio por razón de xénero, especialmente dirixidos á infancia e á mocidade.
A segunda Proposición non de Lei estará centrada no impacto do acordo entre a Unión Europea e Mercosur no sector produtivo galego. O PSdeG reclamará medidas de acompañamento e o apoio á posición do Goberno de España para garantir a protección efectiva dos intereses dos produtos galegos.
Por último, Espinosa avanzou que os socialistas formularán unha pregunta urxente á conselleira de Industria para que aclare a planificación do sector eólico tras a suspensión do recurso de inconstitucionalidade presentado polo Estado, reclamando unha folla de ruta clara que achegue seguridade xurídica.
ALTRI
A preguntas dos xornalistas pola debate da comisión de investigación sobre Altri no próximo pleno, Espinosa sinalou que a sensación clara é que “enganaron a todo o mundo”. Presentouse como un proxecto estratéxico, solvente e beneficioso para Galicia, sustentado “supostamente” en garantías económicas, sociais e ambientais que logo non se corresponderon coa realidade.
A deputada sinalou que o PP alimentou expectativas “que non estaban avaladas por datos sólidos nin por unha avaliación rigorosa do impacto real”. E cando empezaron a aflorar as dúbidas, dixo, lonxe de actuar con prudencia, optouse por seguir adiante como se nada pasase. “Por iso as responsabilidades teñen nome e apelidos: son de quen tomou as decisións e de quen decidiu manter o rumbo malia que xa era evidente que non era o mellor para a nosa terra”, asegurou.