
Silvia Longueira sinalou que en Galicia existen deceas de pequenas entidades que “están sustentadas na maioría dos casos co esforzo dos concellos e deputacións” e demandoulle ao Goberno de Rueda que elabore un plan de traballo “para poñer en valor eses centros” e poña en marcha un programa conxunto de visibilización
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, reclamoulle hoxe á Xunta que desenvolva un programa de apoio ás fundacións e centros de cultura que recollen e difunden o traballo de creadores galegos senlleiros. Na defensa dunha iniciativa en comisión parlamentaria, recordou que esas pequenas entidades “están sustentadas, na maioría dos casos, co esforzo de concellos e deputacións”, cun financiamento “precario”. Tamén que sustentan unha ampla oferta en cidades e pequenas vilas “nas que xeran boa parte das iniciativas culturais”.
Longueira destacou que aos centros que recollen o traballo “de homes e mulleres que conformaron unha das xeracións mellor preparadas deste país e que tiveron que buscar o exilio co estalido da Guerra Civil” únense agora outros que gardan o legado de creadores “que aportaron feitos diferenciais ao que supón Galicia e que dan novos pulos culturais”. Trátase, dixo, dunha longa lista “esparexida polo territorio galego” e que forma un tecido “esforzado e pouco escoitado”, que, ademais, xera “un importante produto cultural”.
Pese a que se trata de institucións “que sosteñen a nosa identidade cultural”, lamentou que non existe un programa conxunto que as integre “nin unha estratexia clara que poña en valor o seu traballo”. “En moitos casos, nin sequera se sabe exactamente cantas existen ou cal é o seu estado”, engadiu.
A deputada do PSdeG defendeu que o impulso a programas de apoio por parte da Xunta permitiría “constituír unha marca da cultura galega”, ao tempo que facilitaría darlle visibilidade ao traballo de intelectuais e creadores sobre os que, “pese a que se lles poña nome e cara, hai aínda un descoñecemento profundo”.
Ademais do antedito programa de apoio, Longueira demandou a elaboración dun censo de todas as fundacións e centros de cultura, “co fin de que poidan inscribirse nel para formar parte dun programa conxunto de visibilización”. A iso engadiu a necesidade dun plan de traballo para poñer en valor esas entidades. “A cultura galega sairía gañando”, afirmou.
“Non podemos ter máis fundacións que política cultural”
“Estamos diante dunha oportunidade clara: podemos facer que as fundacións de autor deixen de ser unha realidade dispersa e pouco visible para converterse nunha rede coordinada, recoñecida e apoiada a nivel autonómico”, asegurou. Silvia Longueira salientou, por último, a incoherencia de descargar en entidades locais a supervivencia de entidades coma estas. “Non podemos ter máis fundacións que política cultural”, advertiu.