

A deputada socialista Paloma Castro denunciou que o centro está sometido a un permanente “abandono institucional” que se traduce tamén en problemas no patio, no ximnasio, no comedor, na cuberta e no acceso ao pavillón
A deputada socialista Paloma Castro denunciou hoxe no Parlamento de Galicia o “abandono institucional” que sofre a comunidade educativa do colexio A Xunqueira I, de Pontevedra. Explicou que desde hai anos o centro vén sufrindo “un deterioro progresivo” que se traduce en graves deficiencias no patio, no ximnasio, no comedor, na cuberta e no acceso ao pavillón, “pero o que podería cualificarse como unha situación preocupante converteuse nos últimos meses nun problema grave, estrutural e inaceptable”.
Tal como recordou, o pasado 14 de novembro parte das instalacións quedaron asolagadas. As inundacións deixaron inutilizados o comedor e o salón de actos durante máis de dous meses e a auga acumulada obriga a empregar bombas de achique a diario, “evidenciando que existe un problema de drenaxe que non foi resolto”. “Houbo días nos que a auga chegaba por enriba dos nocellos do alumnado”, denunciou.
Entre outras consecuencias, o servizo de comedor estase a prestar nun espazo provisional “sen auga corrente e sen as condicións adecuadas de seguridade e hixiene”.
“Por se iso non fose suficiente, o pasado 26 de Xaneiro produciuse o colapso dun falso teito nunha zona reformada pola Xunta hai só dous anos”, lamentou, e sinalou como consecuencia engadida á inundación da planta baixa a avaría do sistema eléctrico e a inhabilitación de espazos fundamentais. “Suspendéronse as clases de educación física e as actividades extraescolares e obrigouse ao alumnado a acceder por determinadas zonas por corredores en penumbra”, denunciou.
Castro criticou que a dirección do centro e a ANPA tivesen que denunciar a situación por escrito e mesmo acudir aos medios de comunicación ante a falta de resposta do Goberno galego.
Pese a que a Xunta acabou por reunirse cos afectados e comprometer a execución de obras de urxencia, a deputada socialista esixe que se adoiten medidas definitivas e non só provisionais, para que o alumnado teña garantida “unha educación pública de calidade, en condicións de seguridade e normalidade”. “É necesaria unha reforma integral do colexio e da zona exterior”, asegurou.