

A deputada socialista esixe máis persoal de enfermaría, TCAE e celadores/as, máis seguridade e un plan integral para as urxencias hospitalarias de Galicia porque “a sanidade pública non se sostén ni con anuncios ni con propaganda”
Méndez advirte de que a recente reorganización no HULA realizouse sen diálogo real cos profesionais e cunha planificación desequilibrada, ao reforzar persoal médico sen incorporar o correspondente reforzo
A deputada do PSdeG Lara Méndez López vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa para esixir á Xunta unha intervención inmediata no Servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), ante unha situación que cualifica de “extrema gravidade” e que, segundo sinala, “non é un feito illado, senón o reflexo dun modelo sanitario esgotado en Galicia”.
Méndez expresa o seu apoio ás reivindicacións do persoal de enfermaría, Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) e celadores/as do centro lucense, que veñen denunciando sobrecarga asistencial, falta de recursos materiais básicos e carencias nas medidas de seguridade. “Non están defendendo intereses corporativos. Están defendendo a seguridade das persoas pacientes e a dignidade do seu traballo”, subliña.
A parlamentaria socialista advirte de que a recente reorganización no HULA realizouse sen diálogo real cos profesionais e cunha planificación desequilibrada, ao reforzar persoal médico sen incorporar o correspondente reforzo en enfermaría, TCAE e celadores/as. “Iso rompe o equilibrio asistencial e compromete a calidade da atención”, afirma.
Entre as deficiencias sinaladas figuran a insuficiente dotación en Urxencias 3, nos boxes de Críticos, na área de Observación e nas quendas nocturnas; a falta de equipamento básico por box; carencias nos sistemas de chamamento que garantan a confidencialidade; e un incremento das situacións de tensión e agresións sen resposta suficiente en materia de seguridade.
Un problema estrutural
Lara Méndez enmarca o que está a acontecer no HULA nun contexto máis amplo. “As Urxencias hospitalarias galegas levan anos soportando unha presión crecente sen que exista un plan estrutural de reforzo. O que vemos en Lugo é a consecuencia directa dunha política continuada de recortes en persoal, precarización e ausencia de planificación a medio prazo”, sinala.
A iniciativa socialista reclama que a Xunta presente no Parlamento un plan integral de reforzo das Urxencias hospitalarias de Galicia, con financiamento suficiente, contratación estable e mellora das condicións laborais, prestando especial atención tanto aos hospitais de referencia como aos comarcais.
Ademais, esixe a revisión inmediata das ratios de persoal non médico no HULA, o reforzo das medidas de seguridade física no Servizo de Urxencias e a apertura de mesas de traballo estables cos profesionais para que participen nas decisións organizativas que afectan directamente á asistencia sanitaria.
“A sanidade pública non se sostén con anuncios nin con propaganda. Sostense con planificación, recursos e respecto polos profesionais”, conclúe Méndez, que reclama á Xunta “unha resposta inmediata e transparente ante unha situación que afecta á calidade asistencial e á confianza da cidadanía no sistema sanitario público galego”.