

Carlos López Font critica a “falla total de preocupación do PP pola seguridade viaria dos veciños e veciñas do Concello”
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Carlos López Font, acusou hoxe ao PP de “castigar” aos veciños e veciñas de Tomiño “polo simple feito de que non gobernan no concello”. Así o dixo logo de que o PP. Así o dixo logo de que o PP rexeitara a proposta que presentou na Comisión de Obras Públicas do Parlamento reclamando a construción urxente da rotonda de San Salvador de Tebra.
O responsable socialista explicou que a infraestrutura é fundamental para garantir a seguridade viaria en San Salvador de Tebra e Santa María de Tebra, e constitúe un “clamor” da cidadanía de Tomiño que ten presentado 600 sinaturas reclamando medidas urxentes. López Font alertou de que “cada día que pasa sen actuar é un día máis no que estamos a expoñer aos nosos veciños e veciñas a un posible accidente” nunha vía que concentra servizos, tráfico e tránsito de persoas da contorna.
Advertiu que as actuacións prometidas polo goberno galego na vía, compartidas entre 8 viais da provincia, resultan “claramente insuficientes e demostran a falta total de preocupación pola seguridade das veciñas e veciños” da localidade. Alertou de que “detrás de cada quilómetro de estrada hai persoas que merecen seguridade, oportunidades e respecto” e esixiu que rematen coa “discriminación” do concello.
Concluíu que “Tomiño non pide privilexios, pide o que lle corresponde” para garantir a seguridade da estrada PO-344 no tramo entre a subida da igrexa ata o cruce coa estrada a Santa María, que acumula unha farmacia, varios comercios, un restaurante e tres paradas de bus escolar e interurbano a cada lado. Apuntou que “estamos diante do dereito da cidadanía de Tomiño a dispoñer de infraestruturas dignas e seguras e a non ser tratados como un concello de segunda polo simple feito de ter un goberno que non é do agrado do Executivo autonómico”.