

O senador do PSdeG advertiu que o rescate que propoñen os populares, e que cifran en 2.300 millóns, sería un “favor dobre” á empresa se a UE confirma a ilegalidade da prórroga da concesión da autoestrada, que asinou o Goberno de Aznar
Criticou que o BNG participe nunha “mascarada” para darlle cobertura á dereita: “Terán que dar moitas explicacións por un pacto que pretende amordazar ao Congreso e evitar que debata a libremente a proposición de lei sobre a transferencia”
O senador socialista César Mogo criticou hoxe no pleno da Cámara Alta que o PP pretenda agora pagarlle á empresa que xestiona a AP-9 para rescatar a autoestrada, cando foi o Goberno de Aznar quen prorrogou a concesión e a privatizou. “É unha desvergonza que quen ampliou a concesión, condenando aos galegos e galegas a medio século máis de peaxe, quen privatizou e malvendeu a autoestrada, quen en sete anos de goberno de Rajoy non fixo nada, quen foi responsable do atraco, queira agora recomprala para beneficiar a unha empresa”, subliñou.
Mogo sinalou que os populares xa lle puxeron prezo a reverter a concesión, que fixan en 2.300 millóns de euros, e lamentou que, cando está pendente a resolución da UE sobre a legalidade da prórroga da xestión e a privatización, “propoñen correr e rescatar”. Preguntouse por que esas présas se está pendente o pronunciamento de Bruxelas, co que sería “un dobre favor” á empresa que xestiona a infraestrutura. “Resultou beneficiada cando lla malvenderon e resultaría beneficiada agora se lla compran”, afirmou.
O parlamentario do PSdeG denunciou tamén que o BNG se sume a unha “mascarada” cuxa única motivación “é política”. “Vanlle dar cobertura á dereita galega nese teatro que teñen montado?”, preguntoulles aos nacionalistas, aos que lles advertiu que terán que dar “moitas explicacións” por un pacto cos populares que o que pretende é “amordazar ao Congreso e evitar que se debata libremente a proposición de lei sobre a transferencia”
“Nós seguiremos traballando polas bonificacións”
César Mogo contrapuxo a motivacións de PP e BNG aos obxectivos do Partido Socialista. “Vostedes sigan facendo mitins, que nós seguiremos traballando por manter e ampliar as bonificacións, con traspaso ou sen traspaso”, dixo.
Tamén o senador galego Manuel Mirás, que participou no mesmo debate, censurou que Aznar ampliase a concesión ata o ano 2048, “condicionando calquera actuación futura”, e Rajoy vetase “en reiteradas ocasións” a tramitación parlamentaria de iniciativas relacionadas coa AP-9. Iso ocorría, destacou, coa complicidade de Feijoo, entón presidente da Xunta, “que non abría a boca”.
“Non estamos ante un problema de vontade política na actualidade, senón ante as consecuencias de decisións pasadas e dun contrato que segue plenamente vixente, e fronte ás que o Goberno progresista de Pedro Sánchez optou por actuar onde si é posible actuar, con bonificacións aos usuarios e usuarias por valor de máis de 80 millóns de euros ao ano”, explicou.