
A deputada socialista Carmen Dacosta advirte de que os nomeamentos anunciados no Nadal “non abren unha nova etapa” e reclama unha reforma estrutural real da política forestal galega e critica que a Xunta evitase responder ás preguntas formuladas na Comisión
A deputada do PSdeG Carmen Dacosta denunciou hoxe na Comisión do Parlamento que, case dous meses despois dos ceses producidos na Consellería do Medio Rural, “non hai nin un só plan de traballo presentado, nin unha soa medida nova en materia de prevención estrutural, nin calendario para desenvolver os Plans de Ordenación de Recursos Forestais, nin avances na nova Lei de incendios”.
Dacosta pediu explicacións á Xunta polos ceses das direccións xerais de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal, así como da Secretaría Xeral Técnica, producidos tras a peor campaña de incendios da historia recente de Galicia. Segundo lembrou, arderon arredor de 171.000 hectáreas na última campaña, segundo datos do sistema europeo Copernicus , unha cifra que cualificou de “evidencia incontestable dun fracaso acumulado nas políticas de prevención”.
A deputada socialista advertiu de que os ceses “non poden presentarse como alleos ao contexto no que se producen” e acusou ao Goberno galego de intentar pechar a crise cun relevo de nomes sen abordar o problema de fondo. “Os problemas estruturais non se solucionan cambiando persoas, senón cambiando políticas”, afirmou.
Durante o debate na Comisión foi o director xeral de Gandaría e Agricultura quen respondeu en nome da Xunta nunha comparecencia centrada na política forestal. Para o PSdeG, este feito resulta significativo. “Falamos do modelo forestal galego e responde o director xeral de Gandaría e Agricultura”, sinalou Dacosta.
A deputada criticou ademais que non se contestasen as preguntas formuladas polo Grupo Socialista, limitándose o representante do Goberno a reproducir practicamente a comparecencia realizada pola conselleira no Pleno como consecuencia da interpelación socialista. “Non houbo nin unha resposta nova nin un compromiso concreto sobre cambios no modelo forestal”, advertiu.
Lembrou que o Parlamento aprobou en 2018 un ditame con 123 recomendacións tras os incendios de 2017, e que boa parte delas seguen sen cumprirse. Tamén sinalou que o propio Plan Forestal de Galicia 2021-2040 recollía o compromiso de impulsar unha nova Lei de incendios forestais, un texto que foi anunciado en 2021 e que en 2026 continúa sen aprobarse nin contar con calendario. “2017 foi a advertencia. 2022 foi a confirmación. 2025 é a proba definitiva de que non se aprendeu a lección”, resumiu.
Durante a súa intervención, cuestionou tamén a falta de desenvolvemento dos Plans de Ordenación de Recursos Forestais e criticou que Galicia continúe sen instrumentos clave de planificación territorial mentres presume de neutralidade carbónica e de compromiso co monte.
Sobre os novos nomeamentos, Dacosta evitou o debate persoal pero insistiu na dimensión política da cuestión: “A pregunta non é quen ocupa o cargo, senón se vai cambiar o modelo. E dous meses despois non hai ningún indicio de que iso estea a acontecer”.
Para o PSdeG, o silencio da Xunta desde o 29 de decembro confirma que “non hai unha nova etapa, senón continuidade”. “Se houbese unha rectificación real, xa coñeceríamos un plan de acción, unha avaliación pública da campaña pasada ou unha reforma normativa en marcha. Nada diso aconteceu”, advertiu.
A deputada concluíu reclamando planificación, prevención durante todo o ano e asunción de responsabilidades políticas. “Galicia non pode permitirse seguir improvisando nun tema que afecta ao territorio, ao medio ambiente e á seguridade das persoas. O modelo fracasou e o Goberno segue sen cambialo”.