

Silvia Longueira, sobre a “desideoloxización a través do tempo” da figura do político e artista rianxeiro: “Ese xeito de facer cultura desfacendo a súa inserción no pasado non é un bo legado”
“Cal foi o orzamento e cales foron os obxectivos? Non coñecemos máis que unha xeneralidade”, censurou, e lamentou a nula transcendencia da iniciativa: “Vai quedar todo no soño dos xustos”
A portavoz socialista de Cultura no Parlamento galego, Silvia Longueira, criticou hoxe en comisión que o Goberno do PP use celebracións coma o recente Ano Castelao para “lavar o pasado”, de xeito que se relaciona co presente “cunha disonancia”. A deputada do PSdeG denunciou que nos eventos con motivo da efeméride esqueceuse que o político e artista rianxeiro “tiña unha ideoloxía”, co fin de que esta quedara “esvaecida”.
“Ese xeito de facer cultura desfacendo a súa inserción no pasado non é un bo legado”, sinalou Longueira, que advertiu dunha “desideoloxización a través do tempo” respecto da figura do intelectual. “Recrearon o personaxe e non falaron do home”, engadiu.
A parlamentaria socialista censurou, por outra banda, a falta de información acerca da propia organización do Ano Castelao. “Cal foi o orzamento e cales foron os obxectivos que se marcaron?”, preguntouse para, a continuación, asegurar: “Non coñecemos máis que unha xeneralidade”. “É moi difícil avaliar o resultado sen coñecelo”, explicou.
Silvia Longueira tamén mostrou o seu desacordo co enfoque da celebración, que se desenvolveu arredor dunha “serie de exposicións, cátedra, accións diversas…”, actividades que viñeron encher espazos “que a Consellería de Cultura xa ocupa habitualmente”. Nese senso, afirmou que non se organizou un programa a maiores. “Iso non é unha celebración do Ano Castelao, non é a posta en valor dun legado”, insistiu.
“Celebrar as efemérides está ben, pero a vida non se constrúe só de efemérides; tamén é o día a día”, criticou Longueira respecto da falta de transcendencia da iniciativa. “O programa didáctico non é de recibo, as exposicións foron unhas máis, non algo especial, e o esforzo que din que se fixo vai quedar todo no soño dos xustos”, advertiu.