

Lara Méndez asegurou que o cambio de modelo produtivo é “necesario e inevitable” porque achega solucións “baseadas na natureza e avaladas pola comunidade científica internacional”
“Falamos de chan, de auga e de biodiversidade, pero tamén de emprego, rendas, futuro e soberanía alimentaria”, salientou a deputada do PSdeG
Destacou que se trata dunha ferramenta “estratéxica para reforzar o sector primario fronte á competencia internacional”
A portavoz socialista de Medio Rural no Parlamento galego, Lara Méndez, defendeu hoxe no pleno da Cámara autónoma o modelo de agrogandería rexenerativa como resposta a moitos dos “retos estruturais de enorme magnitude” que enfronta o sector primario galego, como son o cambio climático, a perda de rendibilidade das explotacións, o despoboamento, a degradación dos solos, a dependencia crecente de insumos externos e unha competencia internacional “cada vez máis intensa”.
A deputada do PSdeG apuntou que non abondan “parches nin discursos baleiros” para enfrontar a situación e demandou avances “cara sistemas máis sostibles, resilientes, rendibles e socialmente máis xustos”.
Méndez sinalou que os gandeiros e gandeiras galegos “son os primeiros interesados en conservar o territorio” porque diso depende o seu sustento económico. “O rural é a súa forma de vida, a súa identidade e o seu futuro”, dixo, e asegurou que o cambio de modelo é “necesario e inevitable”, porque a agricultura convencional sostible e a agricultura ecolóxica, aínda que son necesarias “e deben convivir”, hoxe sábese que non son suficientes “para responder aos retos actuais”.
Nese contexto, a agricultura e a gandería rexenerativas son “un novo paradigma” que emerxe “con forza” como modelo que pon o foco “na saúde do chan, na biodiversidade, no equilibrio dos ecosistemas e na capacidade das explotacións para adaptarse ao cambio climático e mellorar a súa rendibilidade”. “Non é unha moda, é ciencia, é economía agraria, é futuro”, advertiu Méndez.
Como base para esa afirmación, expuxo evidencias científicas que demostran “por que funciona a agrogandería rexenerativa”. Entre elas citou o incremento da materia orgánica do chan, a maior retención de auga, a redución da erosión, a captura de carbono e a menor dependencia de fertilizantes e pesticidas, como amosan diversos estudos. “Estamos a falar de solucións baseadas na natureza e avaladas pola comunidade científica internacional”, remarcou.
En canto aos beneficios económicos “claros” para as explotacións, referiuse á redución de custos de produción polo menor uso de fertilizantes e fitosanitarios, como tamén de alimentación externa para o gando; a mellora da rendibilidade a medio prazo, xa que as explotacións rexenerativas “presentan marxes máis estables e menos exposición á volatilidade dos prezos dos insumos”; maior valor engadido do produto, porque os consumidores demandan cada vez máis alimentos “ligados á sustentabilidade, á calidade e á orixe”, e a diversificación de ingresos, debida ao “mellor encaixe” con circuítos curtos de comercialización, venda directa e mercados de proximidade. Todo o anterior é clave para fixar poboación, “atraer xente nova ao sector e garantir o relevo xeracional”, afirmou.
Lara Méndez tamén quixo valorar o impacto social e territorial que pode ter o modelo rexenerativo, ao reforzar o vínculo entre produción agraria e territorio, favorecer as explotacións familiares fronte ás intensivas e deslocalizadas, contribuír a manter “paisaxes agrarias vivas” fundamentais para o equilibrio ambiental e o turismo rural e mellorar o benestar animal. “Estamos a falar de cohesión territorial, de igualdade de oportunidades e de dignidade para o rural galego”, salientou.
A parlamentaria socialista reclamou que Galicia “non quede atrás” no desenvolvemento do modelo da agrogandería rexenerativa. Destacou que o Goberno de España xa está a impulsar na comunidade, e tamén en Cataluña, proxectos piloto cun investimento que supera os 100.000 euros en formación e intercambio de coñecemento. Nese senso, reclamou a involucración da Xunta, que “ten instrumentos, centros de investigación, coñecemento técnico e capacidade financeira para liderar o cambio”.
Méndez afondou tamén no escenario que se abre co acordo entre a UE e Mercosur, que supón, dixo, “un reto e unha oportunidade”. Recoñeceu que o pacto está a xerar preocupación no sector primario, “e con razón”. Precisamente por iso, a resposta “non pode ser o inmobilismo”. “Galicia non pode competir en volume nin en baixos custos, pero si pode competir, e gañar, en calidade, sustentabilidade, trazabilidade e estándares ambientais e sociais elevados”, asegurou. E é aí, recordou, onde o modelo rexenerativo actúa como “unha ferramenta estratéxica para reforzar o sector primario fronte á competencia internacional”, xa que permite diferenciar os produtos, acceder a mercados con maior valor engadido, defender cláusulas espello para esixir reciprocidade ambiental e protexer aos produtores fronte ao dumping ambiental e social. “É dicir, non é unha debilidade: é unha fortaleza”, afirmou.
A proposta que defendeu a deputada do PSdeG senta as bases para impulsar ese novo modelo. Nela reclámaselle ao Goberno de Rueda que abra liñas específicas de axudas para a transición cara a agrogandería rexenerativa, que acompañe con formación e asesoramento técnico, que impulse a investigación aplicada desde centros públicos coma o CIAM, que potencie o uso de sementes adaptadas e resistentes aproveitando o banco de Mabegondo e que desenvolva campañas de divulgación para que a cidadanía coñeza e valore este tipo de produtos.
“Falamos de chan, de auga e de biodiversidade, pero tamén de emprego, rendas, futuro e soberanía alimentaria. A agrogandería rexenerativa non é unha utopía; é unha oportunidade real, viable e necesaria, e Galicia, pola súa estrutura agraria, o seu territorio e o seu coñecemento, ten todas as condicións para liderar este cambio. Só falta que a Xunta estea á altura”, demandou.