

A secretaria de Organización do PSdeG pediu tamén explicacións sobre a posible existencia de convenios asinados coa Xunta “pola porta de atrás” para manter o servizo
Méndez sinala que o Partido Socialista aprobou xa no seu Comité Nacional do pasado mes de xaneiro recorrer a todas as vías políticas e, se fose necesario, tamén xurídicas, para impedir que o custo do SAF siga recaendo sobre as arcas dos concellos
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, instou hoxe aos alcaldes e alcaldesas do PP a aclarar se están dispostos a seguir asumindo con fondos municipais unha parte substancial do custo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), malia tratarse dunha competencia propia da Xunta de Galicia e a que a lei só lles atribúe aos concellos a súa xestión, non a súa financiación.
Méndez lembrou que o Partido Socialista aprobou xa no seu Comité Nacional do pasado mes de xaneiro recorrer a todas as vías políticas e, se fose necesario, tamén xurídicas, para impedir que o custo do SAF siga recaendo sobre as arcas municipais. Unha posición que foi reafirmada esta mesma semana na Executiva do PSdeG, celebrada o luns, onde este asunto foi un dos puntos centrais da orde do día, tal e como informou o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro.
“A lei é clara e a Xunta está a incumprila ano tras ano, trasladando aos concellos un gasto que non lles corresponde”, advertiu a dirixente socialista, que denunciou un novo episodio de asfixia económica aos municipios a través da imposición de competencias impropias sen financiamento.
Neste contexto, Lara Méndez lembrou que mesmo a Fegamp, na que están representados concellos de todos os signos políticos, incluído o PP, anunciou que continuará mobilizándose para reclamar que o custo deste servizo esencial non recaia nos municipios.
A secretaria de Organización do PSdeG pediu tamén explicacións sobre a posible existencia de convenios asinados coa Xunta “pola porta de atrás” para manter o servizo. “Hai concellos nos que o SAF xa supón arredor do 30% do seu orzamento anual, un esforzo económico que se está a facer por responsabilidade coas persoas máis vulnerables, pero a costa de deixar sen recursos outras competencias que si son municipais por lei”, sinalou.
“O PSdeG non vai aceptar que a Xunta siga descargando o seu incumprimento financeiro sobre os concellos nin que se pretenda normalizar este modelo de saqueo das arcas municipais”, remarcou Méndez.