
Patricia Iglesias advertiu que os informes do Consello de Contas sobre o deficiente aproveitamento dos recursos que chegan da UE son “demoledores”
“O problema non é cantos cartos chegan; o problema é cantos é capaz de xestionar a Xunta, como lle corresponde”, criticou a deputada do PSdeG
A portavoz socialista de Economía no Parlamento galego, Patricia Iglesias, reclamoulle hoxe ao Goberno de Rueda medidas que faciliten a coordinación e eficiencia na xestión dos fondos europeos. Fíxoo durante unha intervención na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos na que criticou o baixo nivel de execución das axudas de Bruxelas.
Iglesias recordou que o Consello de Contas vén alertando “ano tras ano” sobre o problema. De feito sitúa a execución por debaixo do 50 %. En cifras absolutas, quedan sen gastar 5,50 euros de cada 10 que se presupostan, tal como lembrou. Iso está en relación directa con feitos como que no 40 % dos 448 proxectos dotados de financiamento europeo que xestiona a Xunta non se produciu nin un só pago durante todo un exercicio. Os informes do órgano fiscalizador son, nese senso, “demoledores”.
A deputada do PSdeG explicou que Galicia é “unha das comunidades que máis fondos NextGeneration recibiu, case 4.000 millóns de euros”, e asegurou que, polo tanto, “o problema non é cantos cartos chegan; o problema é cantos é capaz de xestionar a Xunta, como lle corresponde”.
Iglesias sinalou como unha das causas do problema a “confusión” que se produce na xestión dos fondos europeos en Galicia por mor dun esquema “carente de coordinación”. A iso contribúe, segundo explicou, que o Comité de Fondos Europeos da Xunta “está practicamente inédito” desde que se creou.
“A Xunta ten a dubidosa honra de ser o primeiro goberno autonómico que tivo que devolver fondos da Política Agraria Común, 55 millóns de euros dos labregos e gandeiros galegos, por non ser quen de executalos en prazo”, citou como exemplo dese “caos”, que se arrastra desde hai anos.
A deputada detallou que diferentes departamentos da Administración autonómica funcionan “como illas” á hora de xestionar os recursos que chegan de Bruxelas. “Non falamos só dos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, senón que tamén de outros coma o Feder, o FSE, o Feader ou o Fempa”, dixo, e relatou como funciona a Xunta á hora de tramitalos: “Fondos agrícolas que xestionan múltiples consellerías e organismos da administración paralela sen ningunha relación co resto de fondos nin coa Dirección Xeral de Política Financeira; o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura, na súa illa da Consellería do Mar; FSE e Feder, sen relacións operativas co resto de fondos; os Interreg, coordinados pola Consellería de Presidencia; os de Innovación, pola Axencia de Innovación”.
A “ineficiencia” reproduciuse nos NextGeneration, “que pasaron a ter a súa propia estrutura de xestión en paralelo, vinculada á Consellería de Economía e Industria, que resultou ser un departamento absolutamente fracasado” nese cometido.
Todo o anterior resúmese en “departamentos estancos, consellerías ou organismos que non se coordinan, programas solapados, convocatorias mal deseñadas, falta de persoal especializado, ningunha estratexia real”.
A esa suma de eivas uniu a “nula vontade de xestión compartida” por parte do Goberno de Rueda, que, por unha banda, reclama ao Estado a participación nesa xestión dos fondos, mais, por outra, négalles esa mesma participación ás entidades locais. De feito, o financiamento que recibiron os concellos representa menos do 2 % do total dos fondos europeos que chegaron a Galicia, unha porcentaxe que baixou máis de catro puntos respecto de 2016, cando representaba un 6,16 %.
Patricia Iglesias subliñou que o Consello de Contas advirte dun “atraso xeral” na execución dos proxectos no marco 2021-2027, de xeito que se están producindo reasignacións financeiras desde o exercicio 2021. A elo une un “atraso global” na planificación, o que implica un obstáculo para que as axudan cheguen á economía real “de xeito efectivo”. Pero sinala que o Goberno galego “ten marxe de mellora”. Por iso, reclamoulle ao Executivo autonómico que faga “propósito de emenda” e poña en marcha medidas para corrixir a falta de planificación e de execución. “Non se poden desaproveitar fondos vitais para o desenvolvemento económico e social de Galicia”, afirmou.
A iniciativa que defendeu a parlamentaria socialista demanda, nese senso, a aprobación dunha estratexia global para a xestión e coordinación dos diferentes tipos de fondos europeos que recaia nun organismo público único e no que teñan participación as entidades locais. “Mentres a Xunta non cambie o modelo, Galicia seguirá perdendo oportunidades, emprego e futuro”, concluíu.