

Patricia Iglesias esixiulle ao Goberno de Rueda que aclare por que disolve a sociedade Impulsa Galicia, a través da que se firmou o memorando de entendemento coa promotora da macrocelulosa
A deputada socialista sinalou que a actividade da empresa pública agora en liquidación estivo marcada pola opacidade e a súa vinculación directa “a un único proxecto”: a planta de Palas
A portavoz socialista de Industria no Parlamento galego, Patricia Iglesias, reiterou hoxe de novo en comisión que a Xunta debe entregar o memorando de entendemento que asinaron en 2021 Impulsa Galicia e Altri. “Firmouno o presidente da sociedade pública, que nese momento era vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía e Industria, o señor Francisco Conde, agora deputado no Congreso polo PP”, precisou.
Desde que se coñeceu a existencia dese documento, o Goberno de Rueda negouse a explicar o seu contido, negoulle toda información ao Parlamento e ignorou as advertencias do Consello de Contas, que reclamaba transparencia, publicidade e control democrático da actividade dunha sociedade que a Administración autonómica “controlaba de facto”. Segundo iso, o argumento de que se trataba dunha sociedade mercantil privada allea á Xunta, “non serve”. Agora, a actual conselleira de Industria alega que descoñece o contido dese papel. A conclusión, dixo Iglesias, é que “quen agocha información é porque ten algo que esconder”.
A deputada do PSdeG censurou que o Goberno do PP negue o acceso a documentación que, por lei, ten que facilitarlle ao Parlamento. “Levo nove peticións de acceso aos expedientes administrativos de creación e disolución da sociedade, expedientes que teñen que existir en aplicación da Lei de patrimonio de Galicia”, asegurou, e explicou que, ante o silencio da Xunta, viuse na obriga de presentar queixas formais ante a Presidencia da Cámara “por vulneración do dereito de acceso”.
Intereses ocultos
“Isto non é un erro. É unha estratexia consciente de opacidade. Cando un goberno impide sistematicamente o acceso á información, non está protexendo o interese público; está protexéndose a si mesmo, ou intereses ocultos, ou de entidades privadas”, criticou.
Patricia Iglesias denunciou que aquela empresa “que ía ser a gran revolución para atraer proxectos industriais e vehicular os fondos NextGeneration EU” foi disolta “con nocturnidade e aleivosía” catro anos despois, en agosto de 2025. Pero iso “non pode ser unha coartada para agochar información tan relevante para o país, para o interese público e para a cidadanía”, advertiu. A través da iniciativa que defendeu esta mañá, demandou, ademais, explicacións acerca dos motivos verdadeiros da disolución da compañía.
Iglesias indicou que pode existir un grave risco para o interese público se o memorando secreto inclúe “cláusulas de blindaxe xurídica para o proxecto de Altri”, compromisos económicos “ou indemnizacións con cargo a fondos públicos se a iniciativa non prospera”. Nese senso, preguntouse se ese acordo pode estar relacionado “co deseño posterior do marco legal que reforza os proxectos industriais estratéxicos”, para blindalos con indemnizacións millonarias se o proxecto se denega no prazo dun ano desde que a empresa presenta toda a documentación.
A parlamentaria socialista apuntou que ese modus operandi “lembra moito a como actuaba o despacho que dependía do ministro de Facenda de M. Rajoy, Cristóbal Montoro”, que obtiña “dádivas a cambio de lexislar a medida de grandes grupos de interese”.
Iglesias asegurou que o que está en xogo neste momento vai máis alá do propio memorando. Trátase de coñecer “que hai detrás” do proxecto industrial con maior impacto, social e medioambiental que se prevé en Galicia, “e que foi mimado e abandeirado polo Goberno galego do PP desde o minuto un”.