
O día 10 de xaneiro, o PSdeG-PSOE celebrará un Comité Nacional Extraordinario en Santiago de Compostela, que marcará o inicio do ano político da organización e servirá para definir un calendario de accións de cara ás vindeiras eleccións municipais.
A convocatoria deste Comité Nacional Extraordinario foi acordada hoxe pola Comisión Executiva Nacional Galega, nunha reunión extraordinaria.
No marco deste comité, un dos asuntos que se abordarán será a análise das denuncias por presunto acoso sexual e laboral coñecidas, así como as actuacións e decisións adoptadas polo partido desde que se tivo coñecemento dos feitos.
A dirección do PSdeG considera necesario tratar esta cuestión no órgano máximo entre congresos, con toda a información dispoñible e desde o respecto aos procedementos internos e ás garantías que deben rexer en situacións desta natureza, poñendo sempre no centro a protección das vítimas.
Unha vez celebrado o Comité Nacional Extraordinario, informarase dos acordos que se adopten.