

A deputada Paloma Castro criticou a “inexplicable” retirada do especialista que compartían ambos colexios, nos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade
A deputada socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe á Xunta que repoña “de maneira inmediata” a praza de profesora ou profesor de pedagoxía terapéutica que suprimiu nos colexios de Soutelo de Montes e de Cerdedo. Castro explicou na sesión plenaria celebrada esta tarde no Parlamento de Galicia que ambos centros, situados nos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade, compartían un especialista “que prestaba apoio esencial ao alumnado con necesidades específicas”, pero o Goberno de Rueda decidiu retiralo.
Esa medida “inexplicable” vén motivando a convocatoria de concentracións da comunidade educativa para reclamar a reposición dunha praza que consideran “imprescindible”, explicou a parlamentaria do PSdeG, que denunciou o “abandono” destes CEIP por parte do PP.
Castro criticou que o Goberno autonómico se escude en argumentos coma o cumprimento das ratios legais para xustificar a diminución do profesorado de apoio, algo que está causando continuas protestas en centros educativos de toda Galicia. Esa “deficiencia estrutural” está a comprometer a atención á diversidade e a inclusión educativa, “especialmente no rural”, explicou.