

Lara Méndez critica o esforzo escaso do goberno galego e a falla de información sobre as iniciativas e os resultados das iniciativas de promoción dende o ano 2023
A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Lara Méndez, criticou hoxe a falla de interese do goberno galego pola promoción dos produtos agroalimentarios. Así o dixo na comparecencia do director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria -Agacal- hoxe na Comisión de Agricultura e Gandería do Parlamento.
Méndez dixo que “temos o máis difícil, que é boa materia prima, bos produtos e bos profesionais, pero falla a implicación da administración autonómica” para a súa posta en valor, e puxo como exemplo a negativa do PP a apoiar as iniciativas presentadas polos socialistas galegos para apoiar a comercialización de produtos nos que Galicia é punteira como a Tenreira Galega ou o mel.
Criticou a falta de información por parte do goberno galego das actividades de promoción dende o ano 2023, dende que “hai un baleiro no que non se publica, non se transparenta e non se poñen os resultados” imposibilitando facer unha avaliación dos resultados destas accións. Advertiu que “falan dos beneficiarios, das finalidades ou das accións a desenvolver, pero non publican as convocatorias” por unha “falla de información total” sobre a “trazabilidade dos fondos públicos”.
Méndez sinalou que o responsable da Agacal centrouse “nas tres ‘F’, de feiras, festas e festivais, pero faltoulle o ‘F’ de ‘facer’, porque esa hai que materializala”, e lamentou que empreguen o ente como “comodín” para xustificar unha comparecencia na Comisión que impida aos grupos da oposición incorporar máis iniciativas na sesión.
Tamén cuestionou o “déficit” en formación agraria nos centros de formación e experimentación agraria, que “se potencian pouco”, e lembrou a situación do centro Pedro Murias de Ribadeo. Lembrou a denuncia presentada polos socialistas galegos polo uso fraudulento deste centro por parte do alcalde, que intentou agochar que o empregara para acoller á Banda de Gaitas de Ourense para as festas patronais.
Tamén puxo en dúbida o impulso da investigación agraria por parte do goberno galego que defendeu o responsable do Agacal cando o Centro de Investigacións Agtrarias de Mabegondo -CIAM- está a padecer o “abandono total e absoluto” por parte da Consellería, ninguneando ao persoal e provocando que marchen en “desbandada”.