
O secretario xeral da Agrupación Socialista ferrolá, Ángel Mato, e o de Memoria Democrática da Executiva Nacional, Iván Puentes, coincidiron en que os fallos, pioneiros en Galicia, fan por fin xustiza ás familias de Miguel Mendiguchía, asasinado en 1936, e de José Varela Cachaza, que botou dous anos preso
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, Ángel Mato e o secretario de Memoria Democrática do PSdeG, Iván Puentes, coincidiron hoxe en cualificar de “históricas” as sentenzas polas que un xulgado da cidade naval vén de anular dous consellos de guerra do franquismo por seren ilegais. Os fallos, que se trasladaron onte á tarde ás familias de Miguel Mendiguchía e de José Varela Cachaza, condenados en 1936 e 1943 respectivamente, son pioneiros en Galicia.
Mato celebrou que “por fin se lles fixo xustiza a ambos e ás súas familias”, logo de que as condenas fosen declaradas nulas ao abeiro da Lei de Memoria Democrática. Tal como recordou, Mendiguchía foi asasinado en 1936 “polas súas ideas políticas”, xa que pertencía a Izquierda Republicana, mentres que Varela, funcionario de Telégrafos, botou dous anos preso no castelo de San Felipe e perdeu o seu emprego simplemente por ter no seu poder un fragmento dun discurso de Indalecio Prieto.
O tamén portavoz do Grupo Municipal Socialista en Ferrol felicitou á neta de Mendiguchía e aos fillos de Varela Cachaza “por defender a memoria” do seu avó e do seu pai, respecivamente, “e restituírlles a súa honra e dignidade”. Salientou, ao mesmo tempo, que as sentenzas se produciran nunha cidade que se atopa en proceso de ser declarada lugar de memoria democrática.
Iván Puentes destacou, pola súa parte, que a anulación de condenas “ilegais ademais de inxustas” coma estas foi posible grazas ás modificacións normativas que introduciu a Lei de Memoria Democrática de 2022. Nese senso, mostrou a súa convicción que tras estas dúas sentenzas, as primeiras que declaran a nulidade de consellos de guerra do franquismo en Galicia, “non serán as últimas, porque agora as familias dos represaliados e represaliadas dispoñen da forza da Lei para reclamar xustiza”.
Tanto Puentes coma Mato estenderon a felicitación á asociación Memoria Histórica Democrática, pola súa implicación na resolución destes dous casos concretos e pola súa traxectoria na reivindicación das vítimas do franquismo.