

Aitor Bouza esíxelle á Xunta que escoite as peticións da comunidade educativa e advirte: “Isto non vai de ideoloxía, vai de dereitos e de humanidade”
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, acusou hoxe ao PP de negarse a avaliar as “eivas estruturais” na dotación de profesorado de Pedagoxía Terapéutica -PT- e de Audición e Linguaxe -AL- porque votan “pensando no partido e non nos nenos e nenas con necesidades especiais”. Bouza presentou unha iniciativa no Pleno do Parlamento para que a Xunta identificara as carencias e puxera en marcha un Plan de reforzo, pero o PP votou en contra.
O responsable socialista subliñou que a proposta, que atende ás peticións da comunidade educativa, “non vai de ideoloxía, vai de dereitos e de humanidade” para uns nenos e nenas que “necesitan apoio para ser mañá autónomos”. Esixiulle ao PP que “deixen de falar de porcentaxes cando falan de nenos e nenas con necesidades educativas que necesitan recursos e apoio”, para afearlle ao PP que as porcentaxe de integración “de nada serve” se falta o profesorado de apoio.
Bouza intentou sen éxito que o PP votara hoxe “en conciencia”, e acusou ao goberno galego de “poñer escusas” cando recorta indiscriminadamente malogrando o esforzo duns profesionais que “poñen alma, tempo e vocación” no apoio aos nenos e nenas. Criticou que ao integrar alumnos esquecen dotar de “capacidades, profesorado ou recursos” para atendelos “con dignidade”, polo que advertiu do risco de provocar “exclusión e marxinación”.
O parlamentario socialista fixo un relatorio de casos en centros educativos galegos cunhas “deficiencias e carencias estruturais” no que o alumnado carece de “garantías nin recursos” para garantir as mesmas capacidades e ferramentas que o resto dos compañeiros e compañeiras. Desafiou ao PP a acudir a unha visita a algún destes centros para “ver de primeira man” as “necesidades que fan falta para garantir unha educación inclusiva de calidade”.
Puxo sobre a mesa os casos do CEIP Avelino Cachafeiro de Soutelo de Montes en Forcarei e o CEIP de Cerdedo, aos que lles retiraron o profesor de Pedagoxía Terapéutica compartido, ou a falla de profesionais asignados nos CEIP Monte dos Postes e López Ferreiro de Santiago, os centros educativos de Ponteareas, o CEIP Xosé Fernández López de Porriño, ou o CEIP Covas de Viveiro.
Reclamoulle ao PP e ao goberno galego que escoiten as peticións dos pais e nais, dos docentes e mesmo da inspección educativa nestes centros para realizar unha avaliación urxente da dotación de profesorado de apoio e coidadores nos centros educativos, identificando as carencias e establecendo un Plan de reforzo inmediato.