
Silvia Longueira incorpora unha emenda a unha iniciativa aprobada no Parlamento para que o goberno galego dispoña nos orzamentos de 2026 das partidas necesarias para programas didácticos sobre a emigración e o exilio galegos
Lamenta que o PP se negue a presentar antes de febreiro o programa de actividades desta conmemoración
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, incorporou unha emenda a unha proposta do PP aprobada hoxe na Comisión de Cultura para reclamarlle á Xunta que poña en marcha un proxecto de divulgación sobre o legado de Neira Vilas e da xeración do modernismo galego co gallo da conmemoración dos 10 anos do seu pasamento.
A proposta aprobada incluíu reclamarlle ao goberno galego que incorpore nos orzamentos de 2026 as partidas necesarias para elaborar programas didácticos sobre a emigración e o exilio galegos. O PP aceptou parcialmente a proposta dos socialistas galegos, rexeitando a outra parte da emenda para pedirlle á Xunta que presente o programa de actividades a desenvolver antes do 31 de xaneiro de 2026-
Silvia Longueira alertou fronte á tentación do PP e do goberno galego de empregar o legado do autor de “Memorias dun neno labrego” “como elemento decorativo da súa política cultural”. Afeoulles que “esgriman ás figuras da cultura e da literatura galegas cando lles son de proveito e quedamos abandonados á sorte dos xustos cando a lingua non lles interesa ou estorba”.
Longueira sinalou que o escritor de Vila de Cruces escribiu aquel libro protagonizado por Balbino –“un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén”- para que Galicia “non esquecera de onde vén”, cando os representantes dos galegos e das galegas na Cámara autonómica, sinalou, “temos a obriga de que Galicia non esqueza cara onde debe ir” e de que “ningún neno ou nena de Galicia volva sentirse coma un ‘ninguén”.
Así, engadiu que “se Balbino vivise hoxe, seguiría anotando as contradicións dun Goberno que fala de protección e deixa orzamentos sen executar, que presume de benestar mentres derivan servizos ao terceiro sector sen control, que promete plans integrais e ofrece apenas titulares”.