

Julio Torrado critica que o Goberno galego “leve anos instalado no bloqueo” e subliña que os colectivos profesionais “están defendendo o dereito da cidadanía a unha sanidade digna”
O secretario de Sanidade afirma que o conselleiro é hoxe “un factor de inestabilidade” e que cada vez que fala “agrava a crise e complica máis o sistema”
Sobre o fallo do Tribunal Supremo, Torrado dixo acatar pero non compartir e sinalou o que supón non considerar cribles xornalistas que afirmaron ter as súas fontes contrastadas, e dar credibilidade a outro que dixo que non tiña por que contrastar: “Sen periodismo non hai democracia. E o periodismo que fai o seu traballo merece protección”
O secretario de Sanidade e voceiro da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, advertiu hoxe de que a sanidade pública galega “vive unha das súas etapas máis delicadas” mentres o Goberno de Alfonso Rueda “continúa nunha deriva sen control, incapaz de entender o que sucede nos centros de saúde”. Torrado puxo o foco na situación do conselleiro de Sanidade, “agochado e completamente desbordado”: “Cada vez que fala agrava a crise. E o PP prefire mantelo en silencio antes que asumir o custo político das súas palabras”.
O responsable socialista expresou o apoio do PSdeG á folga anunciada polos profesionais de atención primaria: “Dende hai moito tempo soportan un nivel de desbordamento inaceptable por culpa duns xestores que non están á altura. A sanidade funciona grazas aos profesionais e á paciencia da cidadanía, nunca grazas aos dirixentes do PP”.
Torrado lembrou que tres de cada catro galegos consideran necesarios cambios profundos no sistema sanitario, segundo os barómetros oficiais, e advertiu de que o inverno agravará a saturación: “Teremos máis presión asistencial, e o que hoxe é un problema estrutural pode converterse nun risco evidente de colapso. Galicia non conta coa dimensión necesaria en primaria e a Xunta continúa sen actuar”.
O secretario de Sanidade advertiu ademais de que o conflito non se limita aos facultativos: “A enfermería xa está valorando mobilizacións e cada vez máis colectivos se afastan dunha Consellería que perdeu toda credibilidade”.
Cribados e incumprimentos
Torrado acusou á Xunta de xerar “confusión e desconfianza” coa xestión dos cribados oncolóxicos: “Pasan de prometer a non cumprir, de anunciar datas a levantarse de reunións no Ministerio, e seguimos sen ver nin unha soa concreción da promesa de Rueda dos cribados para as mulleres de 45 a 50 anos. Prometeuse moito e cumpriuse nada”.
O socialista advertiu tamén do deterioro do sistema: 360.000 galegos e galegas agardan por unha cita médica, máis de 50.000 por unha operación sen data, e a media de espera en atención primaria supera os sete días. “Este é o resultado dunha mala xestión que fai o sistema menos eficiente e empurra a cada vez máis familias a contratar seguros privados”.
Ofertas de acordo rexeitadas polo PP
Torrado reiterou que o PSdeG, a través do noso secretario xeral, leva meses ofrecendo acordos realistas e cuantificados para reforzar a atención primaria: “Presentamos propostas con cifras, reasignando partidas e ampliando a estrutura profesional. Non pedimos que acepten todo o noso programa. Pedimos responsabilidade”.
Engadiu que a diferenza entre o modelo do PP e o do PSdeG é evidente: “O Partido Popular defende que a única solución posible é que os mesmos profesionais que hai no sistema traballen máis. Nós vimos defendendo que o que é necesario é que haxa máis profesionais para que poidan traballar mellor”.
A resposta da Xunta foi un novo portazo: “Non quere falar. O seu concepto de consenso é que os demais lles dean a razón. Non hai diálogo, non hai vontade e non hai plan”.
O conselleiro como problema político
O voceiro socialista insistiu en que o conselleiro se converteu nun factor de bloqueo interno: “Cada vez que fala xera un problema. Cada intervención súa agrava a crise. E o PP decidiu agochalo para evitar outra polémica máis. Un Goberno serio non pode funcionar cun conselleiro silenciado porque non saben como xustificar o que di”.
Torrado pediulle a Rueda que “pola saúde institucional do propio Goberno” resolva este problema e abra unha vía real de negociación cos profesionais.
Torrado concluíu a súa intervención garantindo que o PSdeG manterá unha oposición “útil, rigorosa e construtiva”, sempre en diálogo cos colectivos profesionais: “Imos defender o dereito da cidadanía a unha sanidade pública accesible, digna e resolutiva. Galicia non pode resignarse a un modelo que cada vez agarda máis, resolve menos e depende da paciencia da xente. Hai alternativas e nós estamos poñéndoas enriba da mesa”.
Resposta á pregunta sobre o anuncio da sentenza do Tribunal Supremo
Ao finalizar o bloque sanitario e preguntado polos medios, Julio Torrado expreso a posición socialista sobre o anuncio da sentenza do Tribunal Supremo no caso do fiscal xeral. Respondeu en tres ideas, exactamente como o expresou ante os xornalistas:
Primeiro. “As sentenzas acátanse. É o natural. Acátase esta e acátanse todas. Non hai outra fórmula, porque non acatar unha sentenza implica non aceptar a súa lexitimidade”.
Segundo. “Acatar non implica compartir. Non a compartimos. Non coñecemos aínda a fundamentación completa e non concorda co que parece evidente despois de ver o xuízo. Persoalmente, sen coñecelo de nada, creo firmemente na inocencia de Álvaro García Ortiz”.
Terceiro. Torrado advertiu da perplexidade cidadá: “O xuízo foi público, seguido e coñecido pola xente, e o anuncio da sentenza xerou unha enorme dificultade para comprender os porqués. Se a cidadanía non entende o que está pasando, hai un problema serio de credibilidade institucional que o propio tribunal debe resolver cando publique os fundamentos”.
Ademais, engadiu a súa reflexión sobre o papel do xornalismo: “O fallo supón non considerar cribles xornalistas que afirmaron ter as súas fontes contrastadas, e dar credibilidade a outro que dixo que non tiña por que contrastar. Sen periodismo non hai democracia. E o periodismo que fai o seu traballo merece protección fronte a calquera intento de cuestionar a súa lexitimidade”.