

Aitor Bouza recordou que pacientes con doenzas graves permaneceron en corredores ata 24 horas, sen intimidade nin condicións axeitadas, o que supón “unha vulneración da dignidade desas persoas”
O deputado socialista recordou que “non foi unha situación puntual” e que os propios profesionais sanitarios “levan tempo advertindo da insuficiencia de recursos materiais e humanos” do servizo
O deputado socialista Aitor Bouza denunciou hoxe a inacción do Sergas ante o colapso do servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. “Cada verán, en Compostela ocorre o mesmo, e a Xunta de Galicia non fai nada”, criticou, e engadiu: “Pese a todos os cambios que se produciron en diferentes postos, nada se corrixiu”.
Censurou tamén as explicacións do Servizo Galego de Saúde ante esa situación. “Están moi rápidos para rebater e moi lentos para corrixir, pero as imaxes que vimos en todos os medios desmontan as súas contestacións. Esa é a realidade”, asegurou. E lamentou que, por enriba, o Sergas alegue “ao mesmo tempo que se trata dun episodio puntual deste ano mentres explica que en 2023 se superou unha situación similar”.
Bouza reclamoulle á Xunta medidas “para que non se volva producir o problema” e para garantir que as persoas con patoloxías graves reciban asistencia “inmediata, en condicións axeitadas e non nos corredores” do hospital. En comisión parlamentaria, esixiu tamén un incremento do cadro de persoal médico, de enfermaría e de apoio nas urxencias do CHUS, así como un plan específico de reforzo estrutural, incluídos os espazos físicos do servizo, “con prazos e orzamento definidos”, co fin de dar resposta ao incremento da demanda asistencial. Ao mesmo tempo, reclamoulle ao Goberno do PP información sobre o número de pacientes afectados polas deficiencias que se rexistraron os meses pasados.
Para o parlamentario socialista, o novo episodio de colapso en urxencias, “con ata trece pacientes graves atendidos en corredores, sen poder acceder a un box nin a un espazo asistencial axeitado”, supón unha “grave vulneración da dignidade” desas persoas. Algunhas delas permaneceron máis de 24 horas agardando por unha cama en planta, “sen intimidade nin condicións adecuadas”. Segundo recordou, os propios profesionais do centro hospitalario “levan tempo advertindo da insuficiencia de recursos materiais e humanos” nese servizo. Por tanto, insistiu en que “non é unha situación puntual”, senón un problema recorrente.
Aitor Bouza lembrou que naquel momento incluso a xerencia da área sanitaria “chegou a recoñecer a situación”, aínda que se xustificou insistindo en que a asistencia estaba garantida. “O que se garante, en realidade, é unha atención precaria, indigna e impropia dun sistema sanitario público que debe situar ás persoas no centro”, censurou.