

Silvia Longueira retrúcalle ao conselleiro de Cultura que aproveite que presume de 5 creadores galegos con premios nacionais das letras para “pedir que o galego sexa cooficial en Europa”
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, dixo hoxe que os orzamentos de Cultura son “máis do mesmo” e lamentou o escaso pulo á promoción da lingua galega, que con 13 millóns mantense aínda lonxe dos 17 que lle dedicara o último orzamento do goberno presidido polo socialista Pérez Touriño en 2009. Longueira interveu na comparecencia no Parlamento do conselleiro para presentar os orzamentos para 2026.
Lamentou a falla de ambición dos orzamentos de Cultura, sinaladamente no que atinxe á lingua galega logo de 16 anos de xestión en contra por parte do PP ata conseguir que por primeira vez na historia se utilizara menos que o castelán. Advertiu que as previsións para 2026 se sitúan “moi lonxe do que se supón que debera ser unha normalización efectiva” do uso do galego e para reverter o “problema que xeraron” reducindo a presenza do galego no ensino co decreto do Plurilingüísmo.
A responsable socialista criticou que a proxección da lingua no ensino e a formación lingüística teñen unha presenza “máis decorativa que realmente transformadora”. Logo de que o conselleiro se gabara de contar con cinco creadores galegos como premios nacionais das letras, retrucoulle reclamando que aproveiten a situación para “pedir que o galego sexa lingua cooficial en Europa” e romper o bloqueo imposto por Feijóo a esta proposta no PP Europeo.
Longueira criticou que a Consellería aposte por un modelo de xestión cultural “centralizado”, focalizado en eventos e entes xa consolidados “sen retorno social e cultural contrastado”, mentres abandonan aos creadores de base e retiran o apoio aos programas dirixidos á creación e acceso cidadán á cultura.
Reforma da Lei de Patrimonio
Silvia Longueira denunciou hoxe que a Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2026 inclúe unha modificación substantiva da Lei de Patrimonio pola porta de atrás para “retorcela e descargar nos concellos todo o criterio que ten que ver cos bens culturais”. Alertou que malia a protección dos Bens de Interese Cultural –“solo faltaría”-, a protección dos demais bens queda “ao albur” dos concellos e “pode acabar co pouco que temos e o que aínda non está protexido”.
Lembrou a falla de financiamento dos concellos para defender os bens culturais cando o goberno galego continúa sen facilitar recursos para manter abertas as bibliotecas, para programar actividades culturais ou para conservar os bens culturais.