

A deputada socialista reclama a cobertura inmediata da praza médica e advirte do deterioro da sanidade pública no rural galego
A deputada socialista no Parlamento de Galicia Silvia Longueira participou esta mañá na concentración veciñal diante do Centro de Saúde de Ponte Carreira (Frades) para denunciar o abandono continuado da atención primaria por parte da Xunta de Galicia e esixir unha solución inmediata á falta de médico no centro.
A parlamentaria acompañou aos veciños e veciñas, así como ao portavoz socialista no municipio, Enrique Astray, nunha protesta que se celebrou ás doce do mediodía para reclamar a cobertura estable da praza médica, que leva meses sen continuidade. “Non pode ser que un centro de saúde rural quede días e semanas enteiras sen médico mentres o presidente Rueda mira para outro lado”, afirmou Longueira.
A deputada lembrou que a situación de Ponte Carreira non é un caso illado, senón unha mostra máis do deterioro progresivo da sanidade pública galega, especialmente no medio rural, onde a poboación é maior e precisa máis atención. “Rueda está a afundir a sanidade e a política social en Galicia, desmantelando servizos básicos e condenando aos concellos máis pequenos ao esquecemento”, subliñou.
Os socialistas reclamaron á Consellería de Sanidade que garanta a presenza diaria dun médico e dun equipo sanitario completo no centro, e advertiron de que continuarán acompañando ás veciñas e veciños nas súas mobilizacións ata que se dean solucións efectivas.