O secretario xeral do PSdeG lembrou que, segundo as propias palabras do conselleiro de Facenda, “115.000 galegos se beneficiarán das rebaixas fiscais”, o que equivale ao 4% da poboación. “Non son beneficios fiscais, son privilexios elitistas”, afirmou
Lamentou que os máis de 500 millóns de euros destinados polo Goberno central e Europa á vivenda pública en Galicia aínda non se traducisen en obra real nin en rehabilitación efectiva, e que a gran novidade que anuncia a Xunta para 2026 sexan simples “zulos habitacionais”
Tamén censurou a “torpe negativa” de Rueda á condonación parcial da débeda, unha decisión que —dixo— “ninguén entende”. Recordou que Galicia pagará 1.858 millóns de euros aos bancos, máis do que se investirá en toda a Atención Primaria ou en Política Social
“A quen benefician realmente os orzamentos que presenta o seu Goberno para 2026?” Con esta pregunta dirixida a Alfonso Rueda comezou hoxe o voceiro socialista, José Ramón Gómez Besteiro, a súa intervención no Sesión de Control no Parlamento. Besteiro advertiu de que “son unhas contas que privilexian ao 4% dos galegos, os máis ricos, e condenan ao 96% restante a peores servizos públicos e cero solucións para a vivenda”.
O líder socialista acusou ao executivo do PP de gobernar para uns poucos e esquecer ás maiorías sociais, convertendo os orzamentos “nun exercicio de autocompracencia e desigualdade”. Lembrou que, segundo as propias palabras do conselleiro de Facenda, “115.000 galegos se beneficiarán das rebaixas fiscais”, o que equivale ao 4% da poboación. “Non son beneficios fiscais, son privilexios elitistas”, afirmou.
Besteiro subliñou que Galicia deixa de ingresar 796 millóns de euros en beneficios fiscais, cartos que poderían destinarse a reforzar os servizos públicos. “Esa é a diferenza entre gobernar para a inmensa maioría dos galegos ou facelo para unha minoría que xa ten garantido o seu benestar”, engadiu.
Tamén censurou a “torpe negativa” de Rueda á condonación parcial da débeda, unha decisión que —dixo— “ninguén entende”. Recordou que Galicia pagará 1.858 millóns de euros aos bancos, máis do que se investirá en toda a Atención Primaria ou en Política Social. “Poderiamos ter condonada unha parte da débeda, o que suporía un aforro directo de 620 millóns de euros este ano”, explicou Besteiro. “Pero vostede prefire negarse por prexuízo político, e o máis ridículo é que está a piques de conseguir que a Catalunya si lle condonen a débeda e a Galicia non”.
Besteiro puxo o foco no problema da vivenda como o máis grave, lembrando que “hai 22.600 demandantes de vivenda pública e vostede segue sen ofrecer unha soa medida eficaz”. Lamentou que os máis de 500 millóns de euros destinados polo Goberno central e Europa á vivenda pública en Galicia aínda non se traducisen en obra real nin en rehabilitación efectiva: “A execución orzamentaria apenas chega ao 5% a metade de ano e ao 30% no conxunto de 2024” . Polo tanto, reclamou políticas activas: “O problema da vivenda non se resolve con anuncios, senón con medidas reais. O PSdeG propón un Banco Público de Aluguer con 5.000 vivendas inmediatas a prezos asequibles”, lembrou, “mentres que a súa gran novidade para o 2026 é construír zulos habitacionais dunha soa habitación de 26 metros para durmir, comer e cociñar”.
O voceiro socialista sinalou ademais de que o Goberno galego “recorta en partidas de discapacidade, solidariedade e migracións, e mantén en risco o Servizo de Axuda no Fogar porque non cumpre coa lei nin garante o financiamento necesario”. “Non fai falta que os presionen os ultras para atacar aos migrantes: vostedes xa o levan de serie”, ironizou.
Advertiu que as decisións de Rueda “limitan a capacidade de investimento e hipoteca o futuro de Galicia só por teimosía partidista”. Ademais, criticou que os orzamentos se basean nun crecemento do 2% “cando o custo da vida medra preto do 3%”. “Como pode explicar que a administración que debería protexer os dereitos da xente medre menos que os prezos que pagan as familias?”, preguntou.
Besteiro concluíu asegurando que estes orzamentos “non dan resposta aos problemas da cidadanía”: “A Galicia real son 22.600 demandantes de vivenda pública, 50.000 galegos e galegas en listas de agarda para cirurxías (360.000 en total) e 349 días de espera para a dependencia”. “A pregunta xa non é que problemas resolven estes orzamentos, senón a quen lle resolven os problemas. E a resposta é clara: ao 4%. Gobernan vostedes para facer aos privilexiados máis privilexiados, mentres o resto dos galegos teñen que amañarse como poidan”.