Segundo explicou Elena Espinosa, a petición do Ministerio tiña como obxectivo avaliar o funcionamento destes programas e impulsar posibles melloras tras os erros detectados noutros territorios
“Negarse a compartir información coa Administración xeral do Estado non é defender a Galicia —afirmou Espinosa—, non é defender os intereses dos galegos e das galegas, é unha irresponsabilidade”
A voceira de sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de antepoñer os intereses partidistas ás necesidades da cidadanía, logo de coñecerse que Galicia se suma á negativa das comunidades gobernadas polo Partido Popular a facilitar ao Ministerio de Sanidade os datos dos programas de cribado de cancro de mama, colon e cérvix.
Segundo explicou Espinosa, a petición do Goberno de España tiña como obxectivo avaliar o funcionamento destes programas e detectar posibles melloras tras os erros detectados noutros territorios. “Porén, a Xunta elixe o camiño da opacidade e da confrontación política, escudándose en supostas competencias exclusivas para evitar dar explicacións sobre un asunto que afecta directamente á saúde das galegas e galegos”, lamentou.
A voceira socialista cualificou de inadmisible que o señor Rueda “utilice a sanidade pública como campo de batalla partidista”. Subliñou que “a transparencia e a cooperación institucional son esenciais para garantir a calidade dos programas de detección precoz do cancro, que salvan miles de vidas cada ano”.
“Negarse a compartir información coa Administración xeral do Estado non é defender a Galicia —afirmou Espinosa—, non é defender aos galegos e galegas, é defender o silencio fronte á responsabilidade”.
Nesta liña lembrou que Galicia conta con taxas de participación nos cribados por debaixo do desexable en determinadas áreas sanitarias, segundo datos públicos, e advertiu de que “resulta especialmente grave que a Xunta se negue a facilitar información que permitiría mellorar o control e a eficacia destes programas”.
Por iso, reclamou que o presidente Rueda explique que ten que agochar e por que se nega a colaborar nun asunto de saúde pública tan sensible. “As galegas e galegos merecen saber que a súa administración traballa con rigor e transparencia, non seguindo ordes de partido para alimentar unha confrontación coa ministra de Sanidade”, concluíu.