Elena Espinosa sinala que a empregan como “discurso de propaganda” mentres “abandonan á Atención Primaria”
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou hoxe ao PP de empregar os cribados sanitarios como “cortina de fume” para “agochar” a crise da Atención Primaria que teñen provocado coa súa xestión deficiente. A responsable socialista sinalou que a comparecencia da directora xeral de Saúde Pública hoxe en Comisión “podería entenderse como propaganda mentres abandonan á Atención Primaria”.
A responsable socialista criticou que compareza a directora xeral de Saúde Pública antes que outros responsables que poidan dar conta dos “problemas que se teñen volto estruturais na sanidade galega”. Cualificou de “intolerable” esta práctica “cando os galegos e galegas sufrimos cada día as consecuencias do grave deterioro do sistema de saúde, sinaladamente na Atención Primaria”.
Sinalou que malia a importancia dos cribados sanitarios “non poden facer calar ou tapar a realidade da falta de profesionais nos centros de saúde ou nos PACs, horarios restrinxidos durante o verán, peche de camas, listas de espera insoportables ou da sobrecarga dos e das profesionais sanitarios”.
Reclamoulles que “non utilicen os cribados como discurso mentres abandonan á Atención Primaria, que é a porta de entrada ao sistema sanitario e que garante unha atención próxima, eficaz e equitativa”.
Engadiu que, ao contrario do PP, que é incapaz de recoñecer a xestión dos socialistas, “nós recoñecemos que os programas de cribados son aceptables, pero tamén queremos reivindicar a necesidade de amplialos e melloralos” para “reducir as desigualdades por sexos, territorios e niveis socioeconómicos baixos” e emprazou ao goberno galego a reforzar a implantación do cribado de cancro colorrectal e de próstata, que seguen a ter unha participación baixa, e preguntou pola “freada” no de Cérvix.