Silvia Longueira esíxelle á conselleira de Vivenda que “faga o seu traballo” para que a xestora remate as vivendas
A parlamentaria socialista Silvia Longueira apuntou hoxe que a Xunta “ten un merecumbé montado coa xestora de Galivivienda, Gesvieco e o arquitecto” das vivendas de alugueiro social de Xuxán. Longueira presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle reclamou á conselleira de Vivenda que “faga o seu traballo” para protexer aos cooperativistas que participan do proxecto a través de Alquiler 50.
A responsable socialista afeoulle á conselleira que “non faga máis que enviar cartas que teñen absolutamente confundidos a boa parte dos cooperativistas”, que o que lle están a pedir é que retire a Galivivienda da xestión da cooperativa Alquiler 50. Lembrou que a propia Galivivienda, vendo como o ICO paralizaba os fondos polo seu baixo rating, constituíu unha sociedade paralela, Gesvieco, “cos mesmos socios e o mesmo arquitecto”.
Os cooperativistas están alarmados diante desa xestión, coa ameaza de que o alugueiro pase de 500 a 1.000 euros, mentres a Consellería sinala ao goberno de España e aos fondos europeos MMR que, advertiu, “virán, e veremos se son capaces de xestionalos co seu equipo”. De feito aludiu á xuntanza do eurodeputado socialista Nicolás González Casares cos afectados para darlles a coñecer de primeira man a situación destes fondos.
Acusou á conselleira de Vivenda de deixar ao albur a xestión para o financiamento destas vivendas, dependente dunha Galivivienda que levou aos cooperativistas a unha nova entidade “a través de prácticas pouco ortodoxas” e nun procedemento “chea de fallos de procedemento”.