Paloma Castro denunciou que a Xunta discrimina aos nenos e nenas “segundo o lugar onde residan”, porque destina millóns de euros a outros centros da comarca mentres o CEIP arousán presenta graves deficiencias que non se atenden
A deputada do PSdeG reclamoulle ao Goberno de Rueda que recupere as antigas vivendas de maestros, “que caen a cachos”, para habilitar nese espazo un comedor, unha zona de almacén ou un salón de actos
O Grupo Socialista no Parlamento galego reclamoulle hoxe á Xunta que atenda con urxencia as necesidades do CEIP Torre-Illa, o colexio público da Illa de Arousa. Na súa intervención no pleno, pediulle ao conselleiro de Educación “que tome conciencia” do estado no que se atopan unhas instalacións construídas nos anos sesenta e que “ata o de agora só foron obxecto de actuacións puntuais, polo que requiren unha actualización”.
A deputada do PSdeG repasou as eivas que presenta o que é “un centro de referencia”. Entre elas, citou a situación das antigas casas dos mestres, “en desuso, abandonadas e en estado case ruinoso, ou sen case, porque caen a cachos”. Para eses inmobles pediu unha rehabilitación co fin de “aumentar o espazo dispoñible para os nenos e nenas e poder habilitar un comedor axeitado”, así como crear “unha zona de almacén ou un salón grande para actos”.
En canto ás dependencias nas que agora se imparte materia, explicou que un dos tres pavillóns que compoñen o colexio “presenta problemas de illamento, que provocan humidades e que sexa moi difícil acadar unha temperatura axeitada no inverno”. “Hai nenos e nenas co abrigo posto na clase”, denunciou. O Concello viuse na obriga de acometer arranxos na cuberta, asumindo competencias impropias, “ante a pasividade da Xunta”. A iso únese que o pavillón “non é accesible”, algo que incumpre a normativa e provoca que haxa que mudar unidades ante calquera problema de mobilidade que teña un alumno ou alumna, “sexa temporal ou permanente”.
Noutro dos pavillóns tamén hai humidades e conta cunha cuberta de fibrocemento con amianto “que nin sequera ten tella enriba”. Ademais, os servizos, a instalación eléctrica e a fontanería permanecen como hai máis de 50 anos. Finalmente, no pavillón “máis novo” reprodúcense os problemas de humidades “a consecuencia dunha defectuosa execución da cuberta, con pingas constantes cada vez que chove”.
Castro recriminoulle ao conselleiro que venda “en moitas ocasións” as virtudes do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica mentres os seus fondos “van a uns concellos e a outros non”. Como exemplo puxo municipios próximos, como Vilanova, Sanxenxo ou Ribadumia, todos con alcaldes do PP, que suman investimentos por valor de 3,5 millóns de euros por parte da Xunta para os seus colexios. “E o da Illa, para cando?”, preguntou.
A deputada socialista recordou que, por enriba, o rexedor arousán “estivo un ano chamando ao delegado territorial para que retiraran do patio un depósito que era un perigo para os nenos e nenas” e que agora xa enviou cinco cartas á Consellería para tratar o tema, sen que ata o momento o recibira ninguén.
Paloma Castro reprochoulle ao PP que A Illa “sobrevive á marxe da Xunta”, xa que os investimentos da Administración autonómica foron “mínimos” durante a última década. O mesmo acontece con municipios “de características similares, pero casualmente dunha cor política distinta” á do Goberno galego, algo que, recalcou, “avergoñaría a calquera con sentido democrático”.
Finalmente, esixiulle á Xunta que, de cara ao 2026, inclúa nas actuacións do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica “todas as actuacións de acondicionamento que necesita o CEIP Torre-Illa”.