Luis Piña advertiu no Congreso que “ese mesmo Partido Popular foi o que recortou a vivenda protexida, o que vendeu patrimonio público a fondos voitre e o que reduciu a duración dos contratos de aluguer de cinco a tres anos para facilitar a especulación”
O parlamentario do PSdeG recriminoulle ao deputado nacionalista que lance propostas “improvisadas” e reclamou que a comunidade autónoma “asuma as súas responsabilidades con seriedade e compromiso” nunha materia que é da súa competencia
O deputado socialista Luis Piña advertiu no pleno de hoxe no Congreso o que cualificou de medida “improvisada” por parte do BNG, cuxo deputado levou á sesión unha iniciativa para a cesión das vivendas da Sareb que se atopan en Galicia á Xunta. Piña criticou que os nacionalistas reclamen o traspaso de inmobles a unha Administración autonómica gobernada polo PP “que deixou sen executar 375 millóns de euros” destinados a políticas de vivenda. “Ese mesmo Partido Popular foi o que recortou a vivenda protexida, o que vendeu patrimonio público a fondos voitre e o que reduciu a duración dos contratos de aluguer de cinco a tres anos para facilitar a especulación”, recordou o parlamentario do PSdeG.
Luis Piña defendeu na súa intervención unha emenda que, no canto do que propoñía o Bloque, apostaba por seguir promovendo a declaración de zonas tensionadas nas cidades que sexa preciso e o establecemento de convenios de colaboración entre o Estado e empresas públicas de vivenda, sexan de ámbito autonómico ou local, para a cesión en usufruto de bens procedentes da Sareb, “unha vez que estes sexan transferidos á nova empresa estatal de vivenda”.
Piña mostrou a oposición do Grupo Socialista a que os activos da Sareb pasen a ser propiedade dunha Xunta incapaz de xestionar os seus propios orzamentos. “Como se pode vir aquí a pedir que llos entreguemos?”, preguntou para invitar ao BNG a explicarllo “aos veciños de Vigo, da Coruña ou de Santiago que buscan un alugueiro asumible mentres a Xunta deixa que se perdan centos de millóns”.
Recordou tamén que a política de vivenda “é, no esencial, competencia das comunidades”, polo que reclamou que cada territorio “asuma as súas responsabilidades con seriedade e compromiso”.
No que se refire á Sareb, precisou que “xa non é a sociedade que coñecemos en 2012”, posto que desde o 2022, co Goberno de Pedro Sánchez, se encarga de mobilizar ata 50.000 vivendas para alugueiro asumible, “cun programa de alugueiro social con 12.000 inmobles, un parque de 21.000 vivendas rematadas e o Proxecto Viena, que permitirá construír ata 15.000 en solos da Sareb”. A todo iso, engadiu os convenios de cesión temporal con administracións locais. “Unhas 2.000 vivendas”, sinalou.
Ademais, defendeu que, fronte á desidia da Xunta, o Goberno central “definiu un modelo claro, coa transferencia dos activos da Sareb ao Sepes”. Dentro da liña que o Executivo está a marcar en política de vivenda, citou, por outra banda, a promulgación da primeira lei da democracia nesa materia, “que regula os alugueiros abusivos, protexe aos colectivos vulnerables e blinda o parque público”, xunto con investimentos que multiplican por oito os dos Gobernos de Rajoy. “De 450 millóns a máis de 3.500 millóns anuais”, remarcou. Nese contexto, o Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, dotado con 7.000 millóns, “fixa entre os seus obxectivos ampliar o parque público, rehabilitar vivendas e barrios e facilitar a emancipación da xente nova”.
“Recordemos de onde vimos. A Sareb naceu tras a crise financeira e o rescate bancario do Partido Popular, que pagou toda a cidadanía mentres se desafiuzaba a miles de familias”, dixo para afirmar que “esa é a pegada do PP en materia de vivenda: rescatar aos bancos a abandonar ás familias”. E denunciou que ese Partido Popular “non cambiou, porque onde goberna deixa sen executar centos de millóns e bloquea a lei de vivenda nos tribunais”, porque o único que lle importa “é desgastar ao Goberno aínda que iso signifique prexudicar a quen máis o necesitan”.
Porén, a día de hoxe, “de rescatar aos bancos, pasamos a rescatar ás familias”, valorou Luis Piña para defender que o parque público do que é titular o Estado siga nas mesmas mans. “Ese é o compromiso do Goberno e do Grupo Socialista, facer da vivenda un dereito real, non un privilexio”, concluíu.