Lara Méndez sinala que “vamos estar no territorio propoñendo, acompañando e fiscalizando á Xunta” porque “non podemos permitir que os lumes de agosto acaben en promesas que se esquecen en setembro e outubro”
A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Lara Méndez, anunciou un Plan de accións do PSdeG sobre o terreo afectado polo lume porque “non podemos permitir que os lumes de agosto acaben en promesas que se esquecen en setembro e outubro porque para o PP só existen cando arde o monte”. Méndez ofreceu unha rolda de prensa xunto coa portavoz de Política Forestal, Carmen R. Dacosta, para anunciar a ofensiva institucional dos socialistas galegos.
Sinalou que este mesmo domingo dará comezo este Plan de accións en Vilamartín de Valdeorras, “onde estivemos cando ardía este verán e que non abandonaremos” porque, dixo, os socialistas galegos “acompañamos á xente que perdeu bens, patrimonio natural e parte da súa historia”. Esixiulle ao PP que cumpra cos compromisos asumidos dende o goberno galego e anunciou unha batería de propostas “que lle devolvan vida ao rural”.
Advertiu que “vamos estar no territorio propoñendo, acompañando e fiscalizando á Xunta, porque Galicia necesita un futuro que o PP non quere construír”. Puntualizou que “falamos de apoiar ás comunidades e á veciñanza, e de impulsar unha economía verde e poñer en valor os recursos que o PP leva anos abandonando”.
Subliñou que Galicia necesita un futuro que o PP non quere construír”, e desafiounos a “dicir “claramente que non queren gobernar o rural”, tal e como están a demostrar “cada día a través dos feitos”. Engadiu que os socialistas galegos “vamos defender ao rural escoitando á xente, apoiando aos profesionais e propoñendo solucións reais”.
Papel mollado
A portavoz de Política Forestal, Carmen Rodríguez Dacosta, lembrou o ditame de 123 medidas aprobadas en 2018 na Comisión de Estudo constituída logo da vaga de lumes de setembro do ano anterior, que foi apoiado polo Grupo Socialista “por responsabilidade e dando un voto de confianza que foi traizoado”. Acusou ao PP de converter aquel ditame en “papel mollado” por un goberno galego que “promete moito e fai nada”, deixando a Galicia igual de desprotexida que hai 7 anos.
Sinalou que os incendios de nova xeración “non se apagan en agosto con helicópteros, evítanse en xaneiro, febreiro e marzo con prevención e coidado do monte, tal e como lles advertimos durante meses sen que o PP fixera nada”.
Anunciou que os socialistas galegos están a manter unha serie de encontros con alcaldes e alcaldesas, veciños e colectivos profesionais “que coñecen o terreo e se xogan a vida en cada incendio”. Sinalou que escoitalos “é fundamental para deseñar unha política forestal eficaz e realista”. Advertiu que “non vamos permitir que a Xunta siga convertendo o rural en cinza e abandono” e esixiu “unha política forestal á altura do que Galicia merece”.