A deputada Patricia Iglesias afeoulle ao Goberno galego a súa “falta de planificación dos recursos humanos”, que non convoque de xeito regular concursos de traslados e o “abuso masivo” das comisións de servizo, que deriva nunha situación de “arbitrariedade”
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias reclamoulle hoxe ao Goberno de Rueda que poña orde no “desgoberno” que rexe a xestión dos recursos humanos nos corpos especiais da Administración autonómica. Iglesias lamentou que o conselleiro prefira “poñer o gorro de asesor fiscal do PP” en lugar de “atender as reivindicacións dos empregados públicos da Xunta”.
A deputada defendeu no pleno do Parlamento galego unha iniciativa que sinala as eivas dos procesos selectivos para as devanditas escalas dos corpos especiais. Nela indícase que a “práctica habitual” na Xunta é convocar procesos selectivos previamente aos concursos de traslados, e despois adxudícase ao persoal de novo ingreso un destino provisional, “moitas veces con prazas de maior responsabilidade e retribución”. Porén, os concursos de traslados para o persoal máis antigo convócanse con posterioridade. Ese procedemento deriva en longas situacións de provisionalidade, como amosa que en 2024 houbese promocións que concursaban por primeira vez en 16 anos.
Por enriba, tamén no ano 2024, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nulo que o destino dunha funcionaria de novo ingreso fose provisional, e pese a iso, adxudicáronse igualmente destinos provisionais a persoas que superaron o proceso en 2021 e 2022.
Patricia Iglesias resumiu a situación cun exemplo que dirixiu ao propio conselleiro: “Imaxínese nunha cola e que leva horas agardando. De repente, chega alguén e colócase por diante de xeito provisional… pero pasa o tempo e o provisional convértese en definitivo. E vostede, que levaba media vida agardando, queda atrás para sempre”.
Por iso, a deputada socialista criticoulle ao Goberno do PP a súa “falta de planificación dos recursos humanos”, que non realice concursos de traslados dun xeito “regular” e a inexistencia de concursos específicos de xefaturas. “O que si hai é abuso masivo das comisións de servizo, ademais de arbitrariedade”, censurou.
“Están premiando a provisionalidade sobre a excelencia técnica”, advertiu Iglesias, que reclamou medidas para que os empregados e empregadas dos corpos especiais poidan tomar posesión das prazas adxudicadas no concurso e así poñer fin á “falta de orde e desgoberno”.