Carmen R. Dacosta esixe unha política forestal integral, a reconstrución real das zonas arrasadas polo lume, a revisión do Pladiga e un modelo de brigadas forestais profesionalizado e centralizado baixo un mando único
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle hoxe á conselleira de Medio Rural que asuma as súas responsabilidades no “caos organizativo absoluto” que derivou na peor vaga de lumes dende que hai rexistros. Dacosta presentou unha Interpelación na que reclamou a dimisión da máxima responsable de Medio Rural “pola incompetencia e improvisación” na xestión dos lumes forestais.
Denunciou a “total falta de planificación na prevención e non execución orzamentaria” por parte dun goberno que deixou sen atender aos traballos preventivos ata o verán, paralizando “centos de proxectos para crear devasas, limpar montes e reducir biomasa”. Sinalou que malia ás advertencias, co seu desleixo chegaron ao “verán máis negro” da historia con “centos de vacantes de brigadas sen cubrir, prazas baleiras nos distritos forestais e sen reforzos ata que chegou o horror”.
Ademais de facer caso omiso das medidas preventivas, o servizo de extinción quedou sumido no caos con brigadas só con 3 integrantes -cando debían ter 7-, vehículos motobomba parados por falta de condutores e brigadistas lanzados á fronte das lapas con apenas horas de formación. Acusou á conselleira de permitir un dispositivo en precario, lonxe dun servizo profesional e cun sistema de fixos discontinuos e das brigadas municipais.
Explicou que a xestión deficiente do goberno galego está detrás de que Galicia afrontara o verán cun 75 por cento menos de profesionais nos distritos máis afectados polo lume, máis 200 prazas sen cubrir, entre elas 186 condutores de motobombas, e conten con 70 brigadas menos que hai catro anos. Subliñou que o propio presidente da Xunta tivo que recoñecer que houbo medios da Xunta parados en pleno incendio por falta de persoal.
Neste sentido, revelou que o 12 de agosto a Xunta respondía a unha pregunta escrita asegurando que o servizo estaba cuberto, e tres días máis tarde, o 15, facía un chamamento urxente para cubrir 200 prazas.
“Válgame dios”
Dacosta describiu o cadro do esperpento con veciños de avanzada idade defendéndose sós, brigadistas salvados in extremis, vehículos abandonados, alcaldesas saltando do coche para salvarse ou desaloxos, confinamentos, evacuacións de maiores e mesmo de nenos en campamentos de verán. Lembroulle á conselleira a súa resposta cando era advertida no Parlamento no mes de xuño e replicara cun condescendente “válgame dios”.
Puntualizou que a responsabilidade da conselleira “é inescusable” na xestión forestal deficiente, o abandono do rural e dun sistema de loita contra incendios ineficaz que xunto co cambio climático derivou nos tres maiores incendios da historia de Galicia -Larouco, Chandrexa de Queixa e Oímbra- nun só verán. Explicou que a superficie queimada nunha sola provincia -Ourense- triplica “de sobra” os peores datos dos que consta rexistro.
Advertiu que malia que o presidente da Xunta apuntara a que arderan “rochas e unhas poucas vivendas”, a realidade é que “nunca se viron afectadas polas lapas tantas vivendas, naves agrícolas, instrumental, cultivos, víveres e enseres”. Explicou que o goberno galego ten a competencia na prevención e extinción de incendios, polo que a súa obriga é “garantir planificación, recursos humanos e eficacia na xestión”.
Rexeitamento incomprensible
Dacosta cualificou de “incomprensible” que o PP rexeitara a proposición non de Lei que os socialistas galegos presentaron no Pleno do Parlamento de hoxe para reclamar un servizo de prevención e extinción “único, profesional, estaBle, con formación continua, medios axeitados e condicións laborais dignas”. Reclamou unha política forestal integral que vertebre o rural, vinculando agricultura, gandería e silvicultura, cunha atención especial ás zonas de montaña.
Esta proposta incluía a obriga de realizar as tarefas de prevención antes de xuño e a revisión do Pladiga incluíndo medidas fronte a incendios convectivos, mapas de combustibles e paisaxes en mosaico para frear a propagación dos grandes incendios. Reclamou plans de autoprotección e evacuación en tódolos núcleos en risco, coa participación cidadá e municipal, e a posta en marcha dos Plans de Ordenación de Recursos Forestais en tódolos distritos.
Carmen R. Dacosta urxiu ao goberno galego a levar adiante unha “reconstrución real” das zonas afectadas dende o punto de vista ambiental, económico e social. Resumiu que “sen prevención non hai futuro, sen planificación non hai eficacia, sen ordenación non hai territorio vivo e sen un corpo profesional, público e único non hai seguridade”.