Silvia Longueira e Julio Abalde advertiron que se o presidente galego non actúa antes do venres, “será cómplice” dunha operación urbanística opaca que se está a desenvolver en parcelas da Xunta
Os deputados, que acudiron ao novo barrio na compaña do concelleiro de Urbanismo coruñés e de afectados, esixirán explicacións no Parlamento sobre os máis de 10 millóns para a construción de 224 vivendas sociais que se poden perder
O PSdeG vai levar ao Parlamento a “situación límite” na que se atopan numerosas familias que aspiraban a obter unha vivenda de promoción pública en Xuxán. Os deputados Silvia Longueira e Julio Abalde achegáronse hoxe a unha das parcelas titularidade da Xunta nas que está previsto construír baixo a figura de cooperativa, e desde alí, na compaña do concelleiro de Urbanismo coruñés, Francisco Díaz Gallego, e de multitude de afectados e afectadas, esixíronlle a Rueda que poña fin á “chantaxe intolerable” á que a xestora da promoción está sometendo a esas persoas. Tal como advertiron, se non o fai antes do venres, será “cómplice” dunha operación urbanística totalmente opaca.
Longueira asegurou que a situación pola que pasan 224 familias “é insostible”. Están “angustiadas” despois de que a concesionaria do proxecto, Galivivienda, e a xestora contratada por ela, Gesvieco, as obrigasen a asinar, antes do día 15 deste mes, unhas condicións “que destrúen por completo o carácter social desta promoción”, impulsada en orixe para ofrecer prezos de alugueiro taxados e accesibles. “Están xogando co seu futuro”, asegurou a parlamentaria socialista.
A iniciativa vaise desenvolver en catro parcelas cedidas pola Administración autonómica e conta cunha subvención de 10,7 millóns de euros procedentes de fondos europeos e concedidos polo Goberno de España. Eses cartos xa están transferidos á Xunta.
Pese a contar con ese volume de recursos públicos, o proxecto orixinal “estase a perverter”, tal como denunciou Silvia Longueira, porque “dun alugueiro mensual de 300 a 500 euros que fixa a subvención, pasamos a 1.000 euros”, debido á achega de capital que a xestora impón agora “de xeito unilateral”. E faino “ocultando información de forma reiterada”.
Para a deputada do PSdeG, trátase dunha “estafa con recursos públicos” que se está a realizar mentres a Xunta “mira para outro lado”, sen atender as reclamacións das familias, do Concello da Coruña e do Ministerio de Vivenda. “Non podemos esquecer que esta era unha promoción de vivenda de protección autonómica presentada como pioneira para familias sen capacidade de aforro”, recordou Longueira, e sinalou que máis de dous anos despois de adxudicadas as parcelas, “nun proceso máis que dubidoso por parte da Xunta”, segue sen iniciarse a construción, “co risco de perder a subvención” se a obra non está executada en 2026.
“Hai 224 familias en vilo. Rueda ten que actuar xa”, insistiu. “Ten que paralizar esta chantaxe e defender o carácter social destas vivendas”, engadiu.
Julio Abalde cualificou de “intolerable” que o PP converta un proxecto destinado a persoas con menos ingresos “nunha operación para investidores”. Tal como apuntou, ningunha das familias pode pagar 1.000 euros ao mes por unha vivenda que, “ademais, non será súa, porque en 50 anos reverterá na Xunta”.
“Rueda ten que dar explicacións e así llo pediremos no Parlamento”, avanzou o deputado, que enumerou unha serie de cuestións que debe clarificar. Así, preguntouse por que se adxudicou a unha concesionaria que xa de inicio non cumpría os rateos crediticios, por que se primaron os prazos mínimos de devolución das parcelas e vivendas á Xunta (os anteditos 50 anos) fronte a outros criterios nos que Galivivienda non era a mellor puntuada, e por que non se obriga a Galivivienda a manter os termos sociais da adxudicación.
Explicou tamén que o Grupo Socialista reclamará “toda a documentación, incluíndo o contrato entre a concesionaria e a xestora, que teñen as mesmas persoas á fronte”. Nese senso, engadiu unha serie de puntos que o Goberno galego tamén debe aclarar, como que parte dos 10,7 millóns de euros transferidos polo Goberno central chegou xa á xestora da cooperativa de Xuxán, que pensa facer a Xunta se finalmente esa axuda debe devolverse debido á mala xestión, se se está a comprobar que Galivivienda cumpre cos pregos da licitación, se o Executivo de Rueda considera un incumprimento a subrogación forzada das familias cooperativistas e, finalmente, que accións tomou ante os atrasos nas solicitudes e no pagamento das licenzas de obra por parte desa firma.
“Aquí hai recursos públicos, dereitos sociais e vidas en xogo. Non imos permitir que xoguen coas familias nin co dereito á vivenda, polo que non está velando a Xunta, porque poñelo en mans de especuladores non soluciona nada”, afirmou Abalde, que esixiu “vivenda digna e alcanzable” para os afectados e afectadas.
Pola súa banda, Francisco Díaz Gallego reiterou o “apoio total e permanente” do Concello da Coruña ás familias cooperativistas. O concelleiro de Urbanismo explicou que se intentou “axilizar o máximo posible” a concesión de licenzas pese aos atrasos nos pagos de taxas por parte de Galivivienda. Na liña do que dixeron Longueira e Abalde, reclamou “que se conserven esas condicións iniciais coas que 224 familias entraron na cooperativa”.
Detallou tamén que o Concello lle enviou a semana pasada unha carta á conselleira Martínez Allegue para que tomase cartas no asunto. Nela trasladábase que existen motivos para reverter as parcelas “se a Xunta considera que non se están a cumprir as condicións iniciais” e solicitábase que se revisase se as condicións que se están solicitando ás familias son as mesmas que existían cando accederon á cooperativa. “Foi respondida esta semana, coma sempre, con evasivas”, asegurou o edil.
Por parte dos afectados e afectadas falou Luis Allegue, un dos cooperativistas, que agradeceu o apoio que o Partido Socialista e o Concello lles prestan “en todo momento”. “Estamos nunha situación desesperada”, afirmou para explicar que antes do venres deben “aceptar unhas condicións que nos impón un Consello reitor dunha cooperativa que ningún aceptamos”. Entre elas, figura un incremento dun 18 % do capital social “e que sexa ese Consello o que decida o xeito e os prazos de pago desas cotas”.
“O único que pedimos é algo que está na lei de cooperativas, que é que os socios voten as decisións que se tomen, sobre todo cando son desa transcendencia”, dixo Allegue, que criticou que “isto xa non é unha cooperativa, senón que é unha promotora disfrazada de cooperativa con solo público, que ademais nós imos financiar”.
“Somos vítimas desta situación, e desde aquí pídolle á Xunta que, en vez de tanta palabra durante todos estes meses, dicindo que ía pedir o cumprimento de todas as condicións, que diga que sancións vai impoñer a estes señores se isto sigue adiante e que diga que fiscalización vai facer. Que esixa que nos entreguen todas as actas das asembleas e que nos envíen todos os contratos que teñen asinados”, demandou.