O secretario xeral do PSdeG advertiu na Feira do Bonito de Burela da “ameaza” que supón para o sector o marco financeiro que está propoñendo “unha Comisión Europea profundamente conservadora controlada polo Partido Popular”, que de cara ao período 2028-2034 deixaría en só un terzo os fondos actuais
O líder socialista celebrou o fallo da Xustiza europea que vai permitir pór en marcha parques eólicos que estaban suspendidos, pero recordou que “aínda temos un serio problema” con numerosos proxectos porque “en 16 anos a Xunta non tomou medidas” para adaptar a normativa galega á lexislación medioambiental da UE
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe en Burela que a Comisión Europea dea marcha atrás nos seus plans de recortar dous terzos os fondos que a UE destina á pesca. Desde a Feira do Bonito de Burela, o líder socialista advertiu que a proposta de marco financeiro plurianual para o período 2028-2034 pon en risco “moitos postos de traballo e moitas empresas que están detrás de toda a industria do mar”.
Por ese motivo, defendeu que non se pode apoiar á pesca en Galicia e calar en Bruxelas, como está a facer o PP ao avalar os recortes desde a Comisión. Besteiro sinalou a “ameaza” que implica diminuír en 4.000 millóns as contribucións “ás organizacións pesqueiras e todo o mundo da pesca”. Chamou a “loitar” contra esa medida, especialmente “a quen controla a comisión” e, por ese motivo, “ten máis responsabilidade”. En vez de limitarse a dicir en Galicia que defende a pesca, “o PP ten que tensionar para que esa redución non se leve a cabo”, reclamou, e sinalou que os socialistas están a favor de manter os orzamentos nos mesmos niveis que no anterior marco plurianual.
O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego puxo Burela como “exemplo de futuro”, cunha pesca “profesional, sostible e con orgullo”, e destacou o papel da Feira do Bonito, unha cita con case catro décadas de vida, como “a mellor exposición” do sector pesqueiro e da industria do mar galega. Antes de iniciar o seu percorrido polas casetas instaladas en Expomar e visitar o barco museo Reina del Carmen, apelou “a Rueda e ao Partido Popular para que traballen en Europa para que ese orzamento non se reduza, porque o mundo do mar e Galicia necesítano”.
A decisión do TXUE sobre a eólica “non resolve todas as paralizacións”
O secretario xeral socialista tamén se referiu ao recente fallo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a tramitación dos parques eólicos en Galicia. Mostrou a súa ledicia por que a resolución da cuestión prexudicial que formulara o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vaia servir para “poñer en marcha proxectos eólicos que estaban paralizados”. Porén, lamentou que a decisión da Xustiza europea “non resolve todas as paralizacións”.
De feito, recordou que “aínda temos un serio problema” respecto de desenvolvementos afectados por cuestións medioambientais, non de procedemento. “Durante 16 anos a Xunta do PP non tomou medidas para adaptarse ás directivas europeas, e como non se fixo ese traballo, hai que facelo agora”, explicou.
Besteiro criticou que debido a esa inacción Galicia perdeu o seu liderado en renovables. “Eramos a primeira potencia no campo da eólica, e agora xa hai moitas comunidades que nos están adiantando, como Aragón e Castela e León”, afirmou, e instou ao Goberno de Rueda a que “actualice toda a normativa para resolver os problemas das paralizacións que se deben á lexislación medioambiental galega”.
Na súa visita á Feira do Bonito, Besteiro estivo acompañado pola alcaldesa de Burela, Carmela López; o senador César Mogo e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades socialistas. Durante o percorrido interesouse polo traballo do voluntariado que participa no evento, polo dos mariñeiros e pola gastronomía local.