O Consello de Contas denuncia que a Xunta está a desmantelar as políticas de prevención e sensibilización mentres deixa sen executar máis de 10 millóns do Pacto de Estado e rexeita o 70% das axudas solicitadas polos concellos
secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu este xoves en Lugo a dimisión inmediata do director xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia tras unhas afirmacións gravísimas nas que poñía en dúbida o papel da prevención nos asasinatos machistas e vinculaba a violencia co feito de que as mulleres rompan as relacións.
“Só por esas afirmacións debería deixar o cargo hoxe mesmo”, afirmou Besteiro, acompañado polo alcalde da cidade, Miguel Fernández, e pola secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez.
Nada máis comezar a súa intervención, o líder socialista expresou a súa condena absoluta á brutal agresión sexual sufrida por unha moza en Ferrol e trasladou “todo o noso apoio a ela e á súa familia”. “Agora o que toca é que a xustiza actúe con celeridade e con firmeza”, engadiu.
En canto ás afirmacións do director xeral, Besteiro advertiu: “Este episodio é a punta do iceberg dunha forma de entender a violencia machista que ten cada vez máis peso na Xunta. E non só o dicimos nós: tamén o denuncia con claridade o Consello de Contas”.
O informe do Consello alerta, segundo explicou Besteiro, de algo moi grave: que a Xunta está a desmantelar as políticas públicas de prevención e sensibilización contra a violencia machista. Boa proba diso é que deixou sen executar máis de 10 millóns de euros procedentes do Pacto de Estado e rexeitou o 70% das solicitudes de apoio feitas polos concellos.
“Non é que falte diñeiro. O que falta é vontade política”, lamentou o líder do PSdeG. “E mentres o Goberno central cumpre, a Xunta mira para outro lado. Hai unha falta de compromiso evidente. E se o PP non cre nesta loita, que o diga claramente”.
Besteiro insistiu en que é urxente poñer fin ao negacionismo que vai calando nas institucións galegas e reclamou un cambio de rumbo: “Aquí non falamos de discursos, falamos de vidas. A loita contra a violencia machista é unha obriga democrática e moral. Non vale agocharse”.