Elena Espinosa lamenta que a única resposta do Partido Popular ao problema sexa “censurar” as denuncias dos profesionais sanitarios e pregúntase se o plan de verán que defende o conselleiro “consiste en desmantelar o que xa non funcionaba”
Carmen Rodríguez Dacosta denuncia, tras o novo desprendemento no hospital materno infantil de Ourense, que o Goberno de Rueda “pon en perigo a profesionais, mulleres, nenos e nenas”, e reclámalle responsabilidades políticas
O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia denunciou hoxe o estado no que se atopa a sanidade galega, máis preocupante conforme avanza o verán, con problemas especialmente na atención primaria. A viceportavoz, Elena Espinosa, denunciou que esta semana, mentres o conselleiro de Sanidade “negaba o colapso dos centros de saúde”, a veciñanza de concellos como Vilalba e A Pontenova “saía á rúa para reclamar unha atención decente”.
A iso únese, segundo engadiu, a grave situación en numerosos puntos de Galicia, dos que puxo como exemplo Fornelos de Montes e Pazos de Borbén, onde as instalacións sanitarias “permanecen sen médicos de familia”. Lamentou tamén a noticia de que “a apertura dun novo centro de saúde en Vigo non servirá para contratar máis persoal, senón unicamente para movelo de outros ambulatorios e pechalos”.
“Son só algúns dos exemplos máis recentes, porque relatar todo o que acontece na maior parte dos centros de saúde galegos sería inabarcable”, asegurou a deputada do PSdeG. Por iso, criticou que “a solución” do Goberno de Rueda a eses problemas sexa “tratar de ocultalos” recorrendo á “censura” ao prohibir que o persoal sanitario coloque calquera tipo de cartel reivindicativo para denunciar a situación.
“O conselleiro de Sanidade fala dun plan de verán que non sabemos moi ben se consiste en desmantelar o que xa non funcionaba ou ben en cruzar os dedos para que o outono chegue axiña”, criticou, para advertir de que “o problema vai seguir aí mentres se empeñe en non dotar de recursos humanos e materiais os centros sanitarios, especialmente no que se refire á atención primaria”.
Espinosa reprochoulle á Xunta do PP que, por enriba, “tampouco estea a coidar as infraestruturas sanitarias” como debera. Sinalou, nese punto, o novo desprendemento de teitos, o terceiro xa, no hospital materno infantil de Ourense. O incidente produciuse nesta ocasión nunha zona de traballo.
“Política de caos” na sanidade pública
A esa crítica uniuse a deputada Carmen Rodríguez Dacosta, que afirmou que o accidente no materno infantil ourensán, “unido ao caótico traslado do paritorio, é a demostración máis clara da política de caos e parcheo coa que a Xunta xestiona a sanidade pública”. A parlamentaria socialista sinalou que a caída dos teitos “non é unha casualidade, senón o resultado de anos de abandono, de promesas incumpridas e de unha absoluta falta de planificación”. De feito, recordou que os e as profesionais levan meses denunciando as deficiencias nas instalacións “e a falta das condicións mínimas para ofrecer unha atención segura e digna”.
Rodríguez Dacosta alertou de que, ao “seguir mirando para outro lado e improvisando”, a Xunta está “poñendo en risco a saúde de profesionais, mulleres, nenos e nenas”. Por ese motivo, esixiu “un plan serio con prazos e investimentos reais que garanta unha atención materno-infantil de calidade en Ourense”. Reclamou, ademais, “responsabilidades políticas, que a Xunta asuma por unha vez o que está a facer coa sanidade”.