A deputada Paloma Castro e o secretario de Memoria Histórica, Iván Puentes, criticaron que o Goberno de Rueda consinta “que se poñan música e copas enriba da memoria de mileiros de galegas e galegos que sufriron por defender a liberdade” e despois se suban ás redes sociais fotografías de participantes nos festivais en actitudes indecorosas
A deputada Paloma Castro e o secretario de Memoria Histórica do PSdeG, Iván Puentes, acusaron hoxe á Xunta de Galicia de permitir que se banalice a dor das vítimas da represión franquista e se baile “sobre as feridas da historia”. Ambos censuraron que o Goberno de Rueda estea a autorizar festas na illa de San Simón “durante as que se poñen música e copas enriba da memoria de milleiros de galegas e galegos que sufriron por defender a liberdade”.
Criticaron, ademais, que logo desas celebracións se suban ás redes sociais fotografías dos participantes en actitudes indecorosas. Nalgunhas incluso se chega a ver a algúns participantes amosando as nádegas no que debera ser un espazo “de memoria e dignidade”.
Puentes recordoulle ao PP que a illa situada na ría de Vigo “non é calquera lugar”, senón que durnte a Guerra Civil e a posguerra alí houbo “represión, cárcere e morte”. Lamentou tamén que agora o Goberno galego cale ante o “bochorno” de ter consentido a celebración de festivais no que foi un campo de concentración franquista. “Nós dicímolo claro: San Simón debe ser respectado como lugar de memoria”, advertiu.
“Non se pode banalizar a dor”, engadiu Paloma Castro, que avisou de que a memoria das vítimas “hai que defendela sempre”. Por iso, o seu compañeiro asegurou que o Partido Socialista “non vai permitir esas faltas de respecto”.
A denuncia dos e das socialistas prodúcese despois de que o Grupo Popular no Parlamento galego votase no pleno desta semana contra a constitución do Consello da Memoria Democrática de Galicia, unha iniciativa que a propia Paloma Castro defendeu na Cámara o pasado martes. Durante o debate, a deputada do PSdeG tamén lle reclamou ao PP que colabore co Estado no recoñecemento da illa de San Simón e do pazo de Meirás como lugares de memoria.