Carmen R. Dacosta esíxelle ao goberno galego que exerza como “mediador neutral e activo” para resolver a discriminación salarial no sector
A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe ao PP de “mirar para outro lado” diante da “fonda discriminación salarial” das traballadoras do comercio de alimentación na provincia de Ourense. Dacosta acusou ao PP de “darlle as costas” ao sector ao rexeitar unha proposición non de Lei en Comisión reclamándolle á Xunta que actúe como mediadora neutral e activa neste conflito laboral.
Dacosta trasladou o apoio do Grupo Socialista a estas traballadoras, que cobran moito menos que na Coruña ou Pontevedra, en ocasións por debaixo do SMI, mentres os beneficios empresariais están disparados. Resumiu que mentres Supermercados Cuevas incrementou os beneficios un 70 por cento, Froiz un 98 e Gadis un 64 por cento, as traballadoras perderon máis de 3.800 euros de poder adquisitivo, e as caixeiras ou repoñedoras cobran por debaixo do Salario Mínimo
Reclamou unhas condicións laborais “dignas, xustas e equiparables ao resto de traballadores do sector” noutras provincias galegas, e chamou á “responsabilidade e á recuperación dunha vontade real de negociación que permita corrixir uns desequilibros retributivos inxustificables”. Acusa ao sector empresarial de presentarse na negociación das condicións laborais partindo de cifras “claramente insuficientes”, sen equiparación coas condicións da Coruña ou Pontevedra.
Explicou que no convenio que están a negociar desapareceu o complemento de antigüidade e non existen outros complementos específicos, sen apenas marxe para compensacións, o que resume a proposta inicial da patronal como “claramente inaceptable”. Esta situación derivou en dúas xornadas de folga os pasados 16 e maio e 7 de xuño, cun seguimento masivo, e dúas novas xornadas convocadas os próximos 24 e 26 de xullo.
A responsable socialista sinala que “non hai razón algunha para manter esta discriminación salarial” que afecta a Ourense, que está a ser empregado como “laboratorio da desigualdade”, e convertido na “provincia da precariedade consentida”. Emprazou ao PP e o goberno galego a “poñerse de lado das traballadoras e da xustiza” porque, dixo, “falamos de dignidade, de igualdade e de futuro dunha provincia que suma décadas de discriminación e de abandono institucional”.
Dacosta reclamoulle ao goberno galego que defenda a igualdade territorial e laboral, e respalde as reivindicacións “razoables e xustas” das traballadoras, que reclaman acadar os 19.500 euros brutos en 2024, incorporar unha cláusula de revisión salarial vencellada ao IPC e compensar os atrasos acumulados nestes anos.