Paloma Castro critica que o presidente da Xunta respondera a unha denuncia por agresión sexual facendo un acto institucional de apoio ao presunto agresor, que “tira pola borda tódolos actos institucionais, campañas ou fotos co lazo violeta”
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou ao director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero de avalar a estratexia de Rueda e o PP de sinalar á vítima da presunta agresión sexual por parte do ex conselleiro do Mar. Na comparecencia do alto cargo en Comisión, trasladou a súa “profunda decepción” polas declaracións nas que aquel aplaudira o comportamento “intachable” do ex conselleiro.
Castro lembrou que o ex conselleiro estivo no cargo 4 meses nos que “aproveitou a súa condición de aforado para gañar tempo”, co coñecemento e consentimento do propio presidente da Xunta, o que está “moi lonxe de ser intachable”. Criticou a complicidade do responsable da loita contra a violencia de xénero coa táctica de Rueda de poñer en valor ao conselleiro “escenificando un acto de apoio con desexo de pronta recuperación, coma se fora unha enfermidade”.
Explicou que trasladan unha “imaxe de protección ao presunto agresor e de falla de credibilidade da vítima”, o que constitúe unha “metedura de pata total e un erro con consecuencias nefastas para o avance cara unha sociedade igualitaria”. Advertiu que as mulleres “vivimos nun clima en que se nos cosifica e sexualiza por ser mulleres”, e actos coma este demostran que “a sociedade segue dirixindo a mirada á muller vítima”.
Lamentou que a día de hoxe “seguimos sen ningunha mensaxe de autocrítica por parte de ningún membro do goberno”, co que “tira pola borda tódolos actos institucionais, campañas ou fotos co lazo violeta”. Puntualizou que “se a resposta social vai ser a exposición da vítima, o sinalamento e o cuestionamento, non nos pode sorprender que entre o 70 e o 80 por cento da violacións non se denuncien”.
Sinaloulle ao director xeral que o conselleiro do Mar non dimite cando o xulgado de Ferrol admite a denuncia e se inhibe no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, senón cando aquel asume a competencia e formaliza a súa condición de investigado, o que levou varios meses nos que Villares seguiu despregando a súa axenda institucional. Advertiu que non se trata dun “feito pasado”, como apuntou o director xeral, senón que está xudicializado.
Prestacións periódicas
Paloma Castro advertiu que malia o incremento do orzamento destinado polo goberno galego ás prestacións periódicas das vítimas de violencia de xénero, nos últimos 10 anos foron rexeitadas o 22 por cento das solicitudes, polo que case 1 de cada 4 mulleres quedaron sen o apoio que solicitaron.
Ademais, constatou dificultades de acceso en provincias menos poboadas a unhas axudas que non garanten unha integración plena no mercado laboral, polo que continúan en situación de vulnerabilidade económica. Propuxo a revisión dos criterios de acceso ás axudas, a descentralización a favor das provincias do interior e que sexan complementarias con outros programas de inserción.
Finalmente, emprazou ao goberno galego a ampliar a rede de Centros de Información á Muller de Galicia, onde só hai 84 dispositivos para un total de 313 concellos, o que evidencia que “en moitos territorios hai mulleres que non poden optar a este recurso” fundamental para atopar a axuda que precisan. Sinalou que nos últimos dez anos só crearon o CIM de Ribeira, e propuxo o reforzo deste sistema con novos CIM, aprobando os CIM móbiles e dotar á rede de máis persoal e recursos.