Paloma Castro alerta da xestión ineficiente e opaca do canon da auga e reclama un Plan de modernización das redes de abastecemento e control efectivo das concesións privadas do servizo de augas
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, sinalou hoxe que Augas de Galicia continúa a operar de “sen planificación estratéxica clara, sen transparencia suficiente e sen coordinarse cos concellos e deputacións”. Así o dixo na comparecencia no Parlamento do director do ente, a quen lle afeou que segan sen atender ás alertas do Consello de Contas sobre a ineficiencia e falla de transparencia na xestión do canon da auga.
A responsable socialista advertiu que “non se trata dun problema técnico, senón de vontade política e de xustiza territorial” por parte do PP que coa súa xestión dende o goberno está a converter un recurso básico como é a auga un “elemento de discriminación entre galegos de primeira e de segunda”. Advertiu que a descentralización de competencias “non pode ser escusa para a inacción, senón un motivo máis ara liderar unha política integral e equitativa da auga”.
Reivindicou o “dereito a un abastecemento digno” para tódolos galegos independentemente do seu lugar de residencia, e reclamoulle ao goberno galego que dea conta da súa responsabilidade de garantir un saneamento adecuado e o deber de preservar os ecosistemas acuáticos, que “son un dos piares da nosa identidade e a nosa economía”. Apunta que a renovación das redes de abastecemento “non é un luxo, é unha cuestión de primeira orde que require de vontade política”.
Reclamou un Plan galego de modernización das redes de abastecemento e depuración de augas con financiamento suficiente e seguindo o criterio da equidade territorial, así como un control “estrito e rigoroso” das concesións privadas de auga, para “evitar abusos e garantir un servizo de calidade”. Tamén propuxo o reforzo da colaboración institucional e a apostar pola sostibilidade e a adaptación ao cambio climático.
Canon da auga
A responsable socialista acusou ao goberno galego de facer caso omiso das fiscalización por parte do Consello de Contas sobre o canon da auga, que “evidencian deficiencias que poñen en risco a eficacia e xustiza deste tributo”. Así, alertou da “preocupante falla de transparencia na xestión e recadación”, o que dificulta un control exhaustivo e que derivou en impagos e atrasos, ou a descoordinación cos concellos e deputacións, que provoca “opacidade na xestión” do canon.
Reclamoulle ao goberno galego que tome medidas para “mellorar a transparencia na xestión” do canon da auga, porque “só a través dunha xestión transparente e responsable se poderá garantir a sustentabilidade financeira do sistema e a equidade no acceso a este ben fundamental”.