Patricia Iglesias anuncia unha batería de iniciativas parlamentarias para que a Xunta mobilice vivenda baleira que garanta residencia de calidade para o estudantado
O Grupo Socialista anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta un Plan de choque dirixido a mobilizar vivenda baleira que habilite unha residencia de calidade para o estudantado. Así o dixo a parlamentaria de Compostela Patricia Iglesias xunto co secretario local do PSdeG, Aitor Bouza, e o secretario de Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval, hoxe fronte a unha inmobiliaria da capital de Galicia.
Responsables socialistas compartiron as colas “da vergoña” cos estudantes desde ás 4.30 h. da madrugada, cando xa había mozos e mozas esperando para atopar un piso asequible e de calidade para o próximo curso.
Iglesias esixiulle á Xunta que poña no mercado vivenda pública e mobilizando o parque de pisos abandonados para evitar a situación “reprobable e lamentable” do estudantado dedicando máis da metade dos seus recursos a un piso en demasiadas ocasións nunhas condicións lamentables. Criticou a “falla de estratexia e planificación” dos gobernos do PP, que queren resolver impulsando promocións de vivenda privadas co risco de que caia nas mans de empresas especuladoras.
Aitor Bouza
O secretario local do PSdeG, Aitor Bouza, sinalou que o desleixo o goberno galego, logo de anos deixando sen executar as partidas para promoción de vivenda, a que están a provocar que “un dereito básico como a vivenda pase a ser un privilexio”, cunha situación que se repite en Compostela e en toda Galicia. Denunciou a “falla dunha política seria” que aposte por facilitarlle á mocidade que poida construír a súa vida e estudos.
Considera un “drama social” que “nin os estudantes, nin as familias nin as persoas que queiran traballar en Santiago poidan facelo na súa cidade” porque non hai vivenda dispoñible. Salientou a importancia de declarar a cidade zona tensionada que garanta vivenda accesible en condicións e esixiulle á Xunta que “deixe de poñer trabas á Lei de Vivenda” que o que pretende é “garantir un dereito fundamental recoñecido pola Constitución”.
Xurxo Doval
O máximo responsable das Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval, denunciou “15 anos de inacción” por parte da Xunta nos que paralizou o parque público de vivenda, e deixou ao estudantado universitario sen novas prazas nin residencias universitarias. Lamentou a “desesperación” de centos de estudantes que “non saben que vai ser deles, porque non saben se van ter piso a un prezo xusto que non teña humidades ou no que non se lles caia o teito enriba”.
Advertiu que no caso de Santiago “nos venden un falso coliving” para estudantes cando a realidade é que os estudantes están obrigados a irse a unha residencia privada na que “teñen que gastar máis de 900 euros ao mes para poder vivir na cidade e ter estudos superiores”.